DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior

Xestión e Administración Pública pode converterse nun grao exclusivo en Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 28/11/2007
A titulación de Xestión e Administración Pública impartida no campus de Pontevedra, está sendo estudada por profesionais da Universidade con vistas a convertela, coa adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior, nun grao exclusivo en Galicia. Esta diplomatura, tras pasar por un período de adaptación, acadou unha ensinanza de calidade ao contar cun persoal case fixo. O profesor desta carreira, Francisco J. López Corrales, explicou que “se tráta de ver as deficiencias que ten a titulación, emendalas e crear así un grao e incluso un posgrao, que lle sirva aos alumnos para incorporarse ao mercado laboral”.
Estes estudos en Xestión e Administración Pública teñen tres tipos de alumnos ven diferenciados. Por un lado atópanse aqueles cuxo obxectivo é exclusivamente opositar, polo que con esta diplomatura xa ven a maior parte dos contidos das oposicións. Noutra banda, estarían os que, xa sendo funcionarios, o que queren é promocionarse internamente obtendo unha titulación superior. En último lugar, estaría un menor número de alumnos que, procedentes da LOXSE ou do antigo Bacharelato, o que queren é incorporarse a empresas privadas que teñen moita relación coa administración pública, como é o caso das fundacións, ONG’s, asesorías, ...

Obxectivo: dar a coñecer a titulación

Desde a Universidade estase a buscar a forma de dar a coñecer esta carreira aos seus públicos potenciais e informar das súas saídas profesionais. “Estamos traballando para impulsar a diplomatura de Xestión e Administración Pública, unha titulación moi atractiva sobre todo parar os funcionarios, que lle están sacando moito proveito para a súa promoción interna”, comentou o profesor Francisco J. López.
Neste senso, a delegación de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, onde se imparte esta diplomatura, organizou unha xornada de portas abertas dirixida fundamentalmente a líderes de opinión como profesores, directores de centros de estudos ou coordinadores. Unha vintena de orientadores da provincia de Pontevedra participaron nesta actividade, onde representantes do decanato deron a coñecer as potencialidades da titulación de Xestión e Administración Pública. Nesta sesión informativa estiveron presentes o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena; a vicedecana Carmen Ruiz Hidalgo; e os profesores de Xestión e Administración Pública, Francisco J. López Corrales e José Vicente Novegil.
Co obxectivo de difundir o coñecemento desta titulación, desde a Universidade xa se fixeron varias actividades como visitar colexios e centros de formación para impartir charlas sobre a diplomatura. Nesta liña de actuación, o campus de Pontevedra espera acadar con éxito este proxecto e aumentar cada ano o número de matriculados.