DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 8, 9 e 23 de novembro

A Xestión Forestal para a Sustentabilidade, tema de estudo dunhas xornadas

Inclúen a presentación do libro "Forests and dragonflies"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI DUVI 31/10/2007

Recoñecidos especialistas procedentes dos campos da docencia universitaria e da investigación tratarán, na EUET Forestal, o tema xeral das funcións ecolóxicas dos bosques, e da utilidade dos mesmos como fornecedores de servizos ecosistémicos a través de conferencias nas que se abordarán as demandas sociais do uso do bosque, aspectos ecolóxicos, económicos e sociais. O obxectivo do evento é debater acerca dos modelos de xestión forestal e do concepto de desenvolvemento sostible, tratando de demostrar que os montes son algo máis que un lugar onde se produce madeira.
As xornadas, patrocinadas pola Rede Galega de Conservación da Natureza e un consorcio de grupos de investigación das tres universidades galegas, inclúen a presentación oficial do libro “Forests and dragonflies”, posible grazas a un congreso internacional celebrado en Pontevedra no 2005.
A entrada para estas conferencias que terán lugar o 8, 9 e 23 de novembro é libre, e nos casos que proceda, serán validables por créditos de libre configuración.

Importancia dos bosques e dos ecosistemas forestais

Os bosques proporcionan hábitats diversos para un amplo rango de organismos, incluíndo os odonatos e outros animais que a primeira vista non dependen dos bosques. Por exemplo, Macromia splendens, unha das libélulas máis ameazadas de Europa, usa os camiños forestais como lugares de alimentación, e as larvas atópanse a miúdo entre as raíces de amieiros e outras especies do bosque ripícola. As libélulas son altamente dependentes da cobertura e composición do bosque, e isto é certo dende os bosques boreais ata os trópicos. Os insectos son, polo tanto, un dos centros de atención das xornadas.