DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo presentará o 12 de decembro no campus o seu traballo ‘Bailando as rúas’

Xiana Lastra, vocalista de A banda da Loba: “Cremos realmente na necesidade de que haxa referentes femininas na nosa música”

Nun concerto da programación cultural do primeiro cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 07/12/2018

Caleidoscópico, ecléctico ou heteroxéneo son algúns dos cualificativos outorgados á produción musical de A banda da Loba, o quinteto nacido hai dous anos da man de Xiana Lastra (voz), Andrea Porto (baixo) e Marcela Porto (percusión) e ao que máis tarde se sumarían Inés Mirás (guitarra) e Estela Rodríguez (violín). Cun único traballo no mercado, Bailando as rúas, A Banda da Loba chegará o vindeiro mércores ao teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria cun concerto no que público “atopará compromiso, diversión, emoción e moita música. Tentamos que os nosos concertos sexan lugares sen barreiras onde a xente se sinta implicada e goce todo o posible coa nosa música, como tamén facemos nós”, explica Xiana Lastra, sobre a actuación que comezará ás 18.30 horas e á que o público poderá asistir de balde, co único límite do aforo do teatro.

A vocalista da banda lembra que o grupo formouse a partir dun proxecto anterior que emprendera xunto a Andrea e Marcela e outras persoas, "pero que non frutificou", e foi coa incorporación de Estela e Inés, que por fin puido ver a luz A banda da Loba. “Cremos realmente na necesidade de que haxa referentes femininas, sobre todo instrumentistas, na nosa música, e Inés e Estela eran totalmente o que estabamos buscando musical e persoalmente”, explica Xiana, que asegura que o grupo crea as cancións que lle apetece “distanciándonos dos corsés e como mellor nos atopamos é enriba dun escenario ou compoñendo. Penso que esta ilusión por facer o que nos gusta é o que se acaba transmitindo cara fóra”. A sonoridade e un estilo que as propias integrantes do grupo cualifican de “caleidoscópico porque é moi diverso”, artellan o universo musical que A banda da Loba despregará no concerto do vindeiro mércores, “no que podedes atopar desde un vals ou unha muiñeira a un tema rock ou country, e iso encántanos porque hai para todos os gustos”, asegura a vocalista da formación.

Compromiso coa lingua e textos complexos envoltos en melodías pegadizas

Premio Ari(T)mar 2018 e finalista na categoría de música de autor nos premios Martin Codax, A banda da Loba ofrecerá a vindeira semana no concerto organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria un repertorio de seu baseado en letras da súa autoría e musicalizacións de poetas célebres ou escritoras contemporáneas a ritmo de rock, pop e folk. “Á banda da Loba defínea, por unha banda, o carácter reivindicativo e comprometido das nosas cancións coa nosa lingua, a nosa cultura e o contexto no que habitamos, así como vencellar música e poesía dun xeito pouco usual, que nos permite achegarlle textos complexos ao público envoltos en melodías pegadizas”, explica Xiana Lastra, que sinala entre os seus referentes musicais a Guadi, María Manuela e Mini e Mero en nun contexto máis amplo a Silvia Pérez Cruz e Salvador Sobral, “que aínda me gusta máis desde que o coñecimos tras gañar o premio Ari(T)mar”.

Novo traballo para finais de 2019

Tras meses presentando o seu primeiro traballo, o grupo xa está centrado nunha nova produción. “A idea é rematar de montar os novos temas antes da primavera de 2019 e entrar a gravar no verán, para que o novo disco saia a finais do ano que vén. Xa esta todo perfilado e temos moitas ganas”, avanza Xiana Lastra.