A cita será no pavillón universitario e haberá modalidade de rápidas e lóstrego
O XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense celebrarase os días 19 e 20 deste mes
Participarán destacados mestres como Xulio del Prado, Rubén Fernández e Samuel Villar
Este sábado e domingo, 19 e 20 de setembro, celebrarase o XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense, organizado polo club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo. A cita terá lugar no pavillón de deportes do campus. Haberá modalidade de partidas rápidas e lóstrego e entregaranse 2500 euros en premios.
O torneo, dirixido por Marcos Reza, ten o patrocinio de, ademais da propia UVigo, do Concello e da Deputación de Ourense. Agardando repetir as cifras do pasado ano, cando houbo máis de 70 persoas inscritas en cada modalidade, o evento contará coa participación de destacados mestres como Xulio del Prado, Rubén Fernández e Samuel Villar. A iniciativa forma parte da aposta e o compromiso do campus de Ourense co fomento e a práctica do xadrez e supón a antesala á participación na liga galega deste deporte a través dos diferentes equipos do Xadrez Ourensán Universitario.
Modalidades de rápidas e lóstrego
A competición contará con dúas modalidades. O sábado terá lugar o torneo de partidas rápidas. Disputarase polo sistema suízo a nove rondas, cun ritmo de xogo de dez minutos por xogador para toda a partida, máis cinco segundos de incremento por cada xogada realizada. O torneo, válido para ELO de rápidas, arrancará coa presentación ás 10.30 h e clausurarase ás 20.00 h aproximadamente. Concederanse 1775 euros en premios. Na categoría xeral outorgaranse sete galardóns, habendo, entre outros, un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 350 e un terceiro de 200. Tamén haberá premios de 100 euros para os mellores en sub 2000 ELO Fide, sub 1700 ELO Fide e para o mellor clasificado do club organizador.
Xa o domingo, só en horario de mañá, desenvolverase o torneo blitz, de modalidade lóstreo. Disputarase polo sistema suízo a dez rondas, cun ritmo de xogo de tres minutos por xogador para toda a partida, máis dous segundos de incremento por cada xogada realizada. O torneo será válido para ELO de blitz. A actividade arrancará ás 10.00 h coa presentación e rematará aproximadamente ás 14.00 h coa clausura. En canto a premios, outorgaranse tamén sete na categoría xeral, con, entre outros, un primeiro premio de 200 euros, un segundo de 100 e un terceiro de 75. Igualmente haberá galardóns con dotación económica para os mellores en sub 2000 ELO Fide, sub 1700 ELO Fide e para o mellor clasificado do club organizador. En total entregaranse 725 euros en premios.
Inscrición ata o venres 18
O prazo de inscrición remata o venres 18, ás 20.00 h. As cotas de inscrición varían, sendo na modalidade de xadrez rápido de 12 euros (15 ao realizarse o pago o día do torneo en efectivo) e na modalidade lóstrego 8 euros (10 ao realizarse o pago o día do torneo en efectivo). A inscrición nos dous torneos é de 20 euros (25 ao realizarse o pago o día do torneo en efectivo). Están exentos de pago os grandes mestres, mestres Fide ou internacional (tanto masculinos como femininos) e os socios do club Xadrez Ourensán Universitario.
