DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pavillón Universitario acolleu por primeira vez o Memorial Ramón Escudeiro Tilve

O XIII Torneo Campus de Pontevedra reuniu máis de 140 xadrecistas

Organizado pola Escola Xadrez Pontevedra, xunto coa Vicerreitoría 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 08/01/2025

Un total de 142 xadrecistas de todas as idades participaron no Pavillón Universitario no XIII Torneo Internacional Campus Universitario de Pontevedra – Memorial Ramón Escudeiro Tilve, promovido pola Escola Xadrez Pontevedra, coa colaboración da Vicerreitoría. Valedoiro para a puntuación ELO da Federación Internacional e disputado na modalidade de xadrez rápido, este aberto internacional de xadrez volvía celebrarse este sábado nas instalacións da Universidade, tendo como sede por primeira vez o Pavillón Universitario, onde se disputaron máis de 500 partidas ao longo de oito horas. Un antigo xogador do equipo universitario e egresado da UVigo Brais Otero, alzouse coa vitoria final en categoría absoluta, nun torneo que reuniu once xogadores con titulación internacional, medallistas internacionais, campións e campioas autonómicos e unha ampla representación galega e local.

Coa presenza de xogadores de Serbia, Bulgaria, Cabo Verde, Francia, Portugal e España, este memorial contou coa participación, entre outros, dos grandes mestres internacionais Vladimir Petkov e Aleksa Strikovic, cabezas de serie xunto co mestre caboverdiano Mariano Ortega Amarelle. Non obstante, foron cinco xogadores galegos, Fernando Sánchez, Daniel Táboas, Brais Otero, David Cernadas e Nicolás Fernández os que chegaron empatados en cabeza á oitava e derradeira rolda, con medio punto de vantaxe sobre os principais favoritos. Finalmente, Otero, xogador do Xadrez Mos, alzouse coa vitoria final ao contar cun mellor desempate con respecto a David Cernadas, que completou tamén o torneo con sete puntos. Petkov e Strikovic remataron en cuarto e quinto lugar, respectivamente, mentres que o quinto posto foi para o deportista do Escola Xadrez Pontevedra – UVigo Alberto Portela e o estudante da Universidade Antonio Álvarez finalizou sexto, ademais de proclamarse campión da categoría amateur sub 2000.

Nun torneo no que se repartiron 1050 euros en premios tamén se proclamaron gañadores Miguel Casado, vencedor das modalidades sub 1800 e sub 12, Alejandro Prado (veteranos), Martín Lema (sub 8), Ariadna López (sub 10) e Nicolás Fernández (sub 14).