DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta edición levaron por lema 'Construíndo pontes cara ti'

As XIII Xornadas de Enfermaría reúnen máis de 400 participantes no campus

A tecnoloxía como ferramenta humanizadora e a saúde comunitaria foron temas centrais das sesións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 27/11/2018

O campus de Ourense acolleu este martes a celebración das XIII Xornadas de Enfermaría, organizadas pola Dirección de Procesos de Enfermaría da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A cita volveu a convocar ás e aos profesionais deste eido da provincia co obxectivo de recoñecer e fomentar a investigación na enfermaría e abordar en profundidade o debate sobre algún dos retos aos que se enfrontan.

A xornada foi inaugurada por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; José Araújo, tenente alcalde de Ourense; Laura López, xefa terrritorial da Consellaría de Sanidade; Ascensión Pérez, presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense; Francisco Javier Puente, director de Procesos Asistenciais da Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e Beatriz Cabanelas, directora de Procesos de Enfermaría da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Valorizando a investigación

O lema escollido para esta edición foi Construíndo pontes cara ti, incidindo na idea de que, en coherencia coa Estratexia Sergas 2020, o obxectivo xa non é só a atención a persoas en situación de enfermidade que acoden a hospitais ou centros de Atención Primaria, senón prestar unha atención integral a pacientes, familiares, coidadores e á sociedade no seu conxunto con profesionais altamente cualificados e mediante unha xestión responsable dos recursos e medios existentes que contribúan á sostenibilidade do sistema sanitario, segundo explican desde a organización das xornadas.  

Atendendo ao lema desta edición, as XIII Xornadas de Enfermaría contemplaron un amplo abano de 15 intervencións, alén da presentación de comunicacións. As intervención centráronse en dous eixes temáticos principais, como son a tecnoloxía como ferramenta humanizadora, na que se afondou no paradoxo do seu papel cara a proximidade e enlace entre profesionais, pacientes e familias nos coidados; e a saúde comunitaria e de proximidade. Entre os aspectos concretos abordados estiveron cuestións como os coidados centrados no desenvolvemento en prematuros; o programa de humanización da unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; o programa Telea; a vida tras un ictus; a atención preparto; o papel do técnico superior de imaxe para a diagnose en radioloxía; a planificación anticipada de decisións ante o fin da vida ou a intervención comunitaria no barrio de Barrocás.

A cita tamén incluíu a convocatoria do XX Premio de Enfermaría, destinado a pór en valor dos traballos científicos presentados por parte das e dos profesionais sanitarios da provincia ao longo do último ano en xornadas, congresos ou reunións científicas autonómicas, estatais e internacionais.