DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O XXXV Curso de Saúde Ambiental contará con 26 relatores expertos en cuestións ambientais

Xinzo de Limia convértese nun referente en medio ambiente esta semana grazas á celebración dunha xornada

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 31/03/2008

O Concello de Xinzo de Limia converterase esta semana nun referente en Galicia no eido do medio ambiente con motivo da celebración do XXXV Curso de Saúde Ambiental no que se darán cita 115 profesionais do sector. As xornadas, que terán lugar entre os días 31 de marzo e 3 de abril, teñen como obxectivo converterse nun foro de debate para contribuír ao desenvolvemento sostible da zona e mellorar a súa xestión nos aspectos ambientais de saúde, e polo tanto, as condicións de vida dos seus cidadáns.
Francisco Peña, director do curso, e responsable do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles no que se enmarca, explicou que “cada vez ten máis importancia o coñecemento do medio ambiente dunha comunidade como condicionante á hora de xerar actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación”. Por iso, cada edición do Curso de Saúde Ambiental ten lugar “nunha rexión diferente, que abranga un ámbito de actuación con problemáticas semellantes, polo que a acollida é sempre moi boa. Nas 34 edicións anteriores participaron un total de 212 concellos e máis de 3000 persoas, ademais de, aproximadamente, medio millar de institucións, asociacións, entidades, fundacións, colexios profesionais e empresas relevantes de Galicia e de España”.
Nesta ocasión, ao marxe dos seus patrocinadores, a Obra Social Caixa Galicia e Egael-Fegamp, o curso conta coa colaboración de numerosos organismos e empresas entre os que destacan a Vicerreitoría do campus de Ourense, a Consellería de Medio Ambiente e a de Sanidade, e Deputación Provincial. En canto ao papel da Universidade no proxecto, Peña salientou que “dende que comezamos co programa, acredita academicamente os contidos concedendo créditos de libre configuración aos asistentes. Ademais, a Vicerreitoría apoiounos coa presenza a nivel institucional de profesores relacionados cos temas a tratar en todas as edicións que tiveron lugar na provincia de Ourense” dixo, e engadiu que “o seu nivel de implicación é moi importante no desenvolvemento destas xornadas”.

Mesas redondas, conferencias e actividades prácticas

O programa do curso é “plural e aberto para recoller a presenza de todos os axentes sociais implicados como o empresarial, o educativo, as administracións locais, provinciais e autonómicas, os profesionais e calquera colectivo relacionado coa problemática ambiental da zona, pois queremos ser un referente e un punto de encontro de, neste caso, a rexión da Limia” explicou o seu director.
O curso consta de catro mesas redondas nas que se debaterán os temas de A contribución da empresa ao desenvolvemento sostible, A calidade das augas, A xestión dos recursos e A problemática ambiental de A Limia. Ademais, tamén se celebrarán conferencias que afondarán nos temas de A saúde ambiental nos concellos galegos: propostas de mellora, Técnicas para o incremento da biodiversidade na provincia de Ourense e O medio ambiente e a saúde.
En total, 26 relatores expertos procedentes da Universidade de Vigo, a Politécnica de Madrid, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e de empresas privadas, entre os que destacan Lorenzo Pastrana e Juan Carlos Mejuto, da UVigo, José Enrique Rodríguez Coello, de Aenor, José Antonio Amoeiro, director do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. Ramón Medina, director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade ou Xosé Carballido, director xeral de Estruturas Agrarias da Consellería de Medio Rural.
Para completar estas sesións teóricas, realizaranse unha serie de visitas prácticas por lugares de interese local como por exemplo á empresa Vidreira do Atlántico, ao museo etnográfico de A Limia, a unha depuradora, ao centro tecnolóxico de Coren, ou ao pobo de Couso, en recuperación, como exemplo de turismo rural sostible.