DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano de Educación participou en Vigo nunha conferencia

X.M.Cid achega as súas experiencias aos futuros docentes

A charla enmárcase dentro do curso de iniciación á formación para a docencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/11/2007

Con case 29 anos de docencia ás súas costas, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Ciencias da Educación, pode presumir dunha dilatada experiencia no ámbito pedagóxico. Precisamente para compartila cos novos profesores participou en Vigo no curso de iniciación á formación para a docencia universitaria, centrando a súa intervención nas experiencias innovadoras levadas a cabo dende a Universidade e especialmente na súa traxectoria, para dinamizar o ensino.“As accións innovadoras non son algo recente nin van xurdir co EEES, a tradición renovadora educativa remóntase a todo o século XX e foi introducida por movementos de profesores que tentaban romper co ensino tradicional” explicou aos asistentes. Cid citou algunhas destas correntes coma a Escola Nova ou a educación republicana, que foron reprimidos dramaticamente e que viron vetadas as súas posibilidades de innovar durante décadas. “Os movementos de renovación pedagóxica recuperáronse a partir dos anos 70 e introduciron conceptos como a importancia do que aprende, a coeducación, o traballo en grupo ou a diversidade e individualidade dos alumnos” dixo, aínda que engadiu que o espertar desa “longa noite de pedra” e distanciar o ensino das nocións abstractas para adaptalo á vida, foi “moi difícil”.

Un ensino diferente

Tras esta breve introducción histórica, Cid centrouse en presentar algunhas das iniciativas que pon en práctica para motivar aos seus alumnos, especialmente dende a creación do título de Educación Social, máis próximo á vida cotiá. Nas materias que imparte, Pedagoxía social e Educación para a paz, busca sempre realidades do entorno que poidan resultar interesantes para os estudantes e a partir de aí desenvolver o ensino.
A finalidade é trasladar a formación a outros ámbitos. O alumno elixe entre unha formación académica clásica con clases maxistrais e traballos, ou a versión aplicada. “Tentamos ofrecer diferentes alternativas para que o estudante acade os obxectivos e as competencias esixidos na materia a través de múltiples actividades que poden escoller para cubrir as horas de prácticas” comentou.

 

As "saídas de estudo"

Para isto emprega entre outros métodos as chamadas saídas de estudo, que consisten en “achegar a experiencia do entorno galego e portugués para analizar actividades educativas novas e como os profesionais as aplican ao seu traballo diario”. Entre estas propostas citou visitas ao Museo Pedagóxico ou ao Pobo Pedagóxico, na Limia, unha experiencia desenvolvida por un mestre de preescolar “pero que puido xurdir de calquera outro educador que vira as potencialidades educativas do lugar”. O pobo escola é unha iniciativa onde unha aldea do rural ve valorizada a súa vida ensinándolle aos grupos de alumnos que acoden as tradicións, lendas e tarefas do campo que antigamente se realizaban. “Así os alumnos aprenden doutro xeito, non é o mesmo que explicalo na clase” apuntou o decano.

 

Outras actividades

Outra das actividades que dende a Facultade de Educación se está a desenvolver é a proposta de participación no programa Ponte nas Ondas, que xa leva funcionando 13 anos.O obxectivo é conectar a cultura galega e a portuguesa a través das escolas da beira do Miño, que realizan, unha vez ao ano, unha emisión conxunta de 24 horas, composta por programas realizados desde os colexios. “A Universidade encárgase da franxa nocturna e cada grupo fai un programa de 30 minutos relacionado coa cultura popular, buscando a interculturalidade. Iso explicado na clase sería moi aburrido” explicou Cid.
Ademais, participan con asociacións en diferentes actividades asistindo a encontros e organizándoos. “Un exemplo son os Encontros galego portugueses pola paz, que este ano cumpren 25 anos, as Xornadas Interxeracionais para a terceira idade ou outras actividades puntuais coma a visita turística para mulleres do cárcere onde os alumnos explicaban os diferentes monumentos históricos” engadiu. Pero recalcou tamén que non se busca “o activismo polo activismo, hai que facer unha reflexión posterior a nivel pedagóxico para ver como podemos incorporar a experiencia ao noso futuro profesional”.