DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por alumnos da facultade

Xogos populares e vestimentas tradicionais nos magostos de Ciencias Sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 21/11/2007

Arrecendo a castañas asadas e alumnos con vestimentas tradicionais marcaron a celebración dos magostos desenvolvidos pola organización de Santa Kata 2007- 2008 coa intención de recrear a verdadeira tradición e cultura do magosto galego. “As actividades organizadas para este festexo van máis alá dunha simple colecta de cartos entre os alumnos e amigos da facultade, por iso buscamos a implicación e participación de estudantes e profesores, para poder facer unha boa representación desta festa popular”, explicou Patricia Dávila, alumna organizadora da festa.

Xogos populares e comida tradicional

No aparcadoiro e na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, os xogos populares como tiro da corda ou carreiras de sacos amenizaron a xornada. Fixéronse competicións entre os alumnos dos primeiros cursos contra os mais veteranos e os gañadores recibiron como premio unha dunha botella de licor café.
Tras varias actividades, puideron recuperar forzas coa degustación da comida tradicional dos magostos coma chourizos, tortilla, arroz con leite e como non, castañas asadas. Todo elo acompañado de viño e amenizado con cánticos populares. Os prezos, por suposto, estaban adaptados aos petos dos estudantes: todo a un euro.