DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A pedagoga Sonia Pintos impartiu un seminario en Ciencias da Educación e do Deporte

Unha xornada achega ao futuro profesorado ferramentas para avaliar con creatividade

Dirixida a alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/04/2019

Abordar o papel que ocupa a avaliación no proceso de ensinanza e aprendizaxe, co fin de analizar e identificar claves que permitan pór en marcha procesos de avaliación creativos na aula é o obxectivo central da xornada Avaliar en Educación Infantil e Primaria que, na tarde deste mércores, se desenvolveu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “O xeito no que se avalía envía moitas mensaxes sobre as metodoloxías e sobre o que pensamos que é ou debe ser a educación”, salientou a pedagoga e educadora social Sonia Pintos, responsable de impartir tanto a conferencia como o seminario que integraban esta xornada dirixida polas profesoras da Área de Didáctica da Expresión Plástica Cristina Varela e Begoña Paz.

“A avaliación é moi importante en todas as etapas da vida dunha persoa, porque marca o proceso de ensinanza-aprendizaxe” e máis aínda nas etapas de educación infantil e primaria, “na medida na que educa nunha determinada cultura avaliativa”. salientou a conferenciante, técnica de Xuventude no Concello de Soutomaior e asesora en diferentes proxectos de innovación en intervención sociocomunitaria, da que Paz destacou na presentación o seu labor "na formación de formadores", baseado "na creatividade e en procesos metodolóxicos innovadores". 

A xornada abriuse cunha conferencia sobre estratexias didácticas na que Pintos Pazos abordou a importancia que ten “o uso de estratexias baseadas nas reflexión e na crítica construtiva en relación ao que queremos que sexa a avaliación”. Cuestionar “que, como, cando, quen, con que e, sobre todo, para que avaliamos”, constitúe nese senso o punto de partida para a definición dun proceso de avaliación que resulte “eficaz e relevante para a aprendizaxe no contexto educativo actual”. De aí que a conferenciante defendese a importancia da avaliación como parte da metodoloxía didáctica, como un proceso que implica en si mesmo unha aprendizaxe, de tal xeito que, sinalou, “se cambiamos a cultura de avaliación cambiamos a metodoloxía didáctica”. Nese senso, Pintos avogou por achegar creatividade, “probar e experimentar”, á hora de deseñar procesos avaliativos, xa que esta “ten que cambiar igual que o fai a educación para adaptarse ás necesidades dos cidadáns e cidadás do presente e futuro”.

Un proceso de avaliación creativa visto desde dentro

A conferencia viuse completada por un obradoiro sobre ferramentas de avaliación creativa, no que Pintos propuxo ao alumnado unha “práctica colaborativa” na que debían ir superando unha serie de retos, “para conseguir descifrar que hai detrás dun proceso de avaliación creativa” e coñecer así exemplos de estratexias “nas que o punto lúdico, a fantasía e a creatividade” se convertan en “motor da aprendizaxe”. Con esa idea, Pintos, que abriu a súa conferencia convidando aos e ás asistentes a cubrir "unha factura" co propósito facer alusión ás dinámicas dos exames, articulou este taller como "unha viaxe" no que, divididos en dous grupos, o alumnado debía ir superando unha serie de retos que á vez lles servían para definir estratexias, ferramentas do propio proceso avaliativo. Así, o taller que abriu achegando ao alumnado unha mensaxe no interior dunha botella, convidábados en primeiro termo a escoller voceiros e voceiras para os seus grupos, para logo definir o "destino da súa viaxe, que sería o obxectivo da actividade" e facer fronte a retos como construír "unha historia para nenos e nenas de 6 anos" empregando unha serie de verbas extraídas dos obxectivos educativos de primaria. Tratábase, explica, dun obradoiro cuxa metodoloxía constituía en si mesmo “un exemplo práctico de como introducir a avaliación na aula desde o primeiro día”, compartila co alumnado e “facela máis democrática, sabendo desde o primeiro momento que se agarda de nós e como podemos conseguilo”.