DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Facultade de Dereito e o Consello Galego de Relacións Laborais

Unha xornada afonda nos retos e ferramentas institucionais para a non discriminación por razón de xénero no traballo

O seu obxectivo foi contribuír a acadar unha sociedade máis inclusiva e igualitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 09/10/2025

A Facultade de Dereito do campus de Ourense e o Consello Galego de Relacións Laborais celebraron este xoves a súa xornada anual. Nesta ocasión, o tema elixido foron os retos e ferramentas institucionais para a non discriminación por razón de xénero no traballo. Coa participación de alumnado, persoal docente e investigador e profesionais do ámbito xurídico-social e axentes sociais, a cita quixo “contribuír ao reto de acadar unha sociedade máis inclusiva a través dunha participación máis igualitaria no traballo”. 

A dirección da actividade recaeu en Antía Sández, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, e en Marta Fernández Prieto, profesora Titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, estando acompañadas na inauguración da cita por Francisco Fernández Prol, profesora titular da mesma área e vicedecana da Facultade de Dereito.  

A xornada Retos e ferramentas institucionais para a non discriminación por razón de xénero no traballo tivo como obxectivo analizar o papel que desenvolven algúns dos actores e institucións con competencias en materia de igualdade entre mulleres e homes para promover e garantir a igualdade real e efectiva no emprego e na ocupación, tamén en materia de retribucións, así como para fiscalizar e sancionar os incumprimentos normativos nesta materia. Nela dedicouse especial atención, entre outras, á Directiva (UE) 2023/970 e á Directiva (UE) 2024/1500, as dúas pendentes de transposición.

Respecto á discriminación por razón de xénero no traballo, desde a organización da xornada sinalan que moitos dos actores enfróntanse a dificultades varias para as que é preciso atopar solucións. Entre elas citan a “falta de recursos económicos ou humanos e materiais, pero tamén falta de independencia e, en ocasións, mesmo falta das competencias necesarias para o desenvolvemento das súas funcións, especialmente no que respecta á asistencia efectiva ás vítimas, carencias que pretende solucionar a Directiva (UE) 2024/1500, respecto dos organismos de igualdade”.

Tres conferencias e unha mesa redonda

A sesión arrancou cunha intervención de Belén Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos e coordinadora deste grao da Universidade de Vigo, titulada Do marco xurídico garantista á fenda de xénero real: dificultades e retos. De seguido, Mª Genoveva García, xefa da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Ourense, falou sobre ferramentas da inspección para detectar e erradicar discriminacións entre mulleres e homes. 

A terceira e última conferencia centrouse na xudialización dos tratamentos discriminatorios entre mulleres e homes no eido do emprego e foi ofrecida por José Fernando Lousada, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sesión rematou cunha mesa de axentes sociais sobre a integración da igualdade por razón de xénero (a súa evolución, estratexias, dificultades e metas), contando coa participación de representantes de diferentes sindicatos e da Confederación de Empresarios de Galicia. Estivo moderada por Cristina Fabeiro, secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais.