DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrarase o mércores 15 de xuño en Educación e Traballo Social

Unha xornada afondará na igualdade no deporte

Contará coa participación de deportistas profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 08/06/2022

Ao igual que nos demais eidos da sociedade, a igualdade real e a visibilización das mulleres é unha tarefa aínda pendente no mundo do deporte. Co obxectivo de contribuír a avanzar nese camiño, o mércores 15 de xuño a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá a xornada A igualdade no deporte. Na actividade presentaranse proxectos desenvolvidos neste eido e falarán das súas experiencias e traxectorias deportistas semiprofesionais ou profesionais.  

A xornada está organizada polo profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Facultade de Educación e Traballo Social Millán Brea e conta con financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. A cita, explica o seu responsable, dá continuidade a outra celebrada antes da pandemia, en xuño de 2019, baixo o título Visibilización en positivo! Rachando o teito de cristal dende o deporte. “A xornada deste ano retoma a iniciativa que tivemos hai tres anos de visibilizar o deporte semiprofesional e profesional feminino. A idea é que as deportistas convidadas falen das súas experiencias tanto no deporte como nos estudos e no ámbito laboral pero tamén visibilizar entidades e proxecto que traballan a prol da igualdade no deporte”, comenta Millán Brea.

“Pensamos que é bo que a xente, neste caso a comunidade universitaria, coñeza persoas que poden estar estudando con elas pero que tamén fan deporte semiprofesional ou profesional, que ademais de ir a aulas están viaxando para competir a un nivel moi alto”, sinala o coordinador da iniciativa, que destaca o “compromiso co deporte” das deportistas convidadas e “como non teñen ese recoñecemento público que lles correspondería ter”. A cita, comenta Millán Brea, é ademais unha oportunidade para preguntar, debater e interesarse pola situación actual do deporte feminino a nivel profesional.

Exposicións, faladoiro e deporte

A xornada arrancará coa exposición de tres proxectos inclusivos e innovadores no deporte e que teñen “a muller coma referente e motor”. O primeiro deles correrá a cargo da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), premiada pola UVigo tanto no eido do fomento do deporte como da igualdade. Membros da entidade falarán do seu compromiso co fomento do deporte universitario inclusivo, especialmente a través do fútbol gaélico mixto. “Esta asociación foi pioneira en fomentar este deporte mixto, buscando a inclusión para que todas as rapazas e rapaces puideran probalo”. Igualmente falarán do quidditch, xogo ou deporte inspirado nas novelas de Harry Potter, que a asociación quere retomar o vindeiro curso académico despois dunha experiencia desenvolvida en 2019.

Seguiralle unha intervención sobre o proxecto Xogando a Todo, tamén de AUCE e da  Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense (ADO Ourense). Ánxela Pérez, a súa coordinadora, falará dunha iniciativa que cada xoves reúne no Espazo Xoven de Ourense a alumnado de Educación Social e membros de ADO arredor dun deporte, co lema “12 meses, 12 deportes”. A actividade retomouse este ano despois do parón provocado pola pandemia e terá continuidade o vindeiro curso académico. Por último, tamén se abordará na xornada o proxecto O Baloncesto Educa. A educadora social Lucía falará desta iniciativa de intervención destinada a reducir os conflitos entre familias nas gradas de baloncesto nas categorías de minibaloncesto. Para iso, apunta Millán Brea, formouse a adestradoras e adestradores, familias e xogadoras e xogadores arredor de varios clubs de baloncesto galegos, maioritariamente femininos, afondando na xestión de conflitos.

Xa pola tarde, a xornada contará cun faladoiro sobre o deporte profesional e sobre como rachar o teito de cristal. Nel intervirán Aida Pérez e Clara Barrios, campioas de España de voleibol de praia e estudantes; Noelia Cacheiro, xogadora e adestradora do Newcastle (Reino Unido) e alumna de doutoramento; Ana Rivera, xogadora profesional de fútbol sala internacional, que estudou ADE no campus de Ourense, e Judith Rodríguez, campioa de España e da Copa do Mundo 2022 en esgrima adaptada e tamén estudante. Pola noite, a actividade rematará cun adestramento aberto de fútbol gaélico mixto no campo de fútbol universitario.