DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén lles permitirá coñecer as mencións e estudos de posgrao que poden realizar

Unha xornada afondará nas saídas profesionais que ten o alumnado de Infantil e Primaria

Celebrarase de xeito virtual este venres 14 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 12/05/2021

O curso académico 2020/2021 está a piques de comezar o seu tramo final para o alumnado e é para moitos o momento de comezar a valorar decisións de cara ao seu futuro. Atendendo ás necesidades das e dos seus estudantes, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organiza este venres 14 de maio pola tarde unha xornada informativa sobre as saídas profesionais e mencións en Educación Infantil e Educación Primaria.

A actividade, explican as súas responsables, ten como cometido informar e orientar ás e aos estudantes que están próximos a finalizar os seus estudos das distintas saídas profesionais que existen no mercado laboral ademais de mostrárselles as vías e recursos que facilitarán a súa futura inserción. Asemade, engaden, poderán recibir asesoramento sobre os estudos de posgrao que oferta a Facultade de Educación e Traballo Social. Esta sesión está dirixida especialmente aos estudantes de cuarto curso do centro. Por outra banda, tamén se falará nesta actividade sobre as distintas mencións dos graos de Educación Infantil e Primaria, estando neste caso especialmente dirixida a información ao alumnado de segundo curso de ambos títulos. A xornada, dirixida polas profesoras Ana Iglesias, Isabel Mociño e María José Vázquez, poderá seguirse a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

Participación de mestres e mestras en activo

Para falar destes temas, a sesión contará, ademais de coa participación de membros da facultade, con mestres e mestras en activo, que explicarán ao alumnado asistente as súas experiencias e traxectorias profesionais. Así, está previsto que interveñan Marcos Antonio Fernández, mestre especialista en Educación Física, psicopedagogo e inspector de Educación; Elena Gayo, mestra especialista en Educación Primaria e en Educación Especial, psicopedagoga e directora do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro; Santiago Pato, mestre especialista en Linguas Estranxeiras-Inglés e pedagogo; Juan Luis Rodríguez, mestre especialista en Educación Infantil, psicopedagogo e orientador do Colexio Plurilingüe Divina Pastora, e Cristina Llinares, directora da Escola Infantil Vigo Valadares.

Para explciar os estudos de posgrao na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense estarán Pino Díaz, coordinadora do Mestrado en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos; Mar García, coordinadora do Mestrado en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos; Carmen Ricoy, coordinadora no campus de Ourense do Mestrado para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, e Xosé Manuel Cid, coordinador do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento. Para falar sobre as mencións intervirá Isabel Mociño, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.