DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Tinglado do porto de Vigo acolle este sábado actividades de difusión da Axenda 2030

Unha xornada para construír o mundo que queremos 

Organizada pola universidade e colectivos sociais e de cooperación da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 23/11/2018

Dar a coñecer á cidadanía os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 a través de xogos cooperativos, obradoiros, exposicións, contacontos e un desfile de moda, é a finalidade da xornada Construíndo o mundo que queremos. A Axenda 2030 que se celebrará o sábado 24 de novembro no Tinglado do porto de Vigo. A iniciativa da Universidade de Vigo, a Rede Social Galicia Sur, a campaña Impórtanos, a Coordinadora Galega de ONGD desenvolverase entre as 11.00 e as 14.30 da mañá e de 16.30 a 20.00 horas, centrándose en tres grandes bloques: persoas, planeta e prosperidade, a través de actividades dirixidas a persoas de todas as idades. “É unha oportunidade de coñecer a Axenda 2030 de forma amena compartindo a experiencia con persoas de todas as idades. Vai ser a festa da sostibilidade”, asegura Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, que lembra que os obxectivos de desenvolvemento sostible conforma a nova axenda de loita contra a pobreza global, aprobada polas Nacións Unidas para o período 2016-2030. 

As e os organizadores da xornada lembran que a pobreza e a desigualdade son cada vez máis extremas e por iso cómpre de xeito urxente cambiar este sistema que xera riqueza para o 1% da poboación e un empobrecemento xeneralizado para o resto.

Unha xornada amena, familiar e compartida 

Ao longo a xornada, Amigos da Terra, Oxfam Intermon, Catro Ventos Editora, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Entreculturas, Proclade Fundación, Asociación Provivienda, Faraxa Vigo, Alborada, SOS Racismo Galicia, Solidariedade Internacional de Galicia, Fiare Banca Ética, Comité Óscar Romero e Taller de Solidariedade amosarán o traballo que desenvolven en postos de información e coa organización de obradoiros e exposicións. As actividades completaranse cun contacontos coa Tropa de Trapo ás 12.00 horas e un desfile de moda de comercio xusto ás 18.00 horas.

Sobre a participación da universidade na organización desta xornada destinada a sensiblizar e comprometer á sociedade na construción dun mundo máis xusto, esixindo políticas centradas na xustiza social e ambiental, Xosé Mahou asegura que “como institución académica aberta, a universidade debe estar presente na sociedade incentivando iniciativas que contribúan a mellorar o mundo”.