DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Comendador e Lara Bacelar coordinan un encontro con este obxectivo

Unha xornada para pór en contexto os achados de arte esquemática pintada no noroeste peninsular

A cita será o 18 de febreiro no Consello da Cultura Galega

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 13/02/2020

Mostrar un panorama integrado dos achados feitos nos últimos anos en arte esquemática pintada no noroeste peninsular. Con este obxectivo preséntase unha xornada que se celebrará o día 18 de febreiro no Consello da Cultura Galega coordinada por Beatriz Comendador, arqueóloga e investigadora da Facultade de Historia do campus de Ourense, xunto a Lara Bacelar, investigadora do Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra. Na cita abordaranse dous dos proxectos liderados desde a Universidade de Vigo neste eido, os centrados nas pinturas rupestres de Vilardevós e de Lobarzán.

Unha abordaxe sen fronteiras administrativas

A xornada, que se titula Paisaxes tatuadas: a arte esquemática pintada no noroeste peninsular á luz dos novos achados, constitúe unha nova edición dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega. Segundo explican desde a súa organización, “dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórica no noroeste peninsular, que nestes dous últimos anos vén a ser reforzada polo achado de sitios con pintura rupestre esquemática ou arte esquemática pintada nas áreas surorientais de Galicia e que confirma o seu enorme potencial”. Tendo en conta o interese suscitado na sociedade por estes achados e o interese da comunidade científica de pór en común o coñecemento existente sobre eles, Beatriz Comendador comenta que xurdiu a idea de facer esta xornada buscando como punto de encontro o Consello da Cultura Galega.  

“Desde hai unha década traballamos neste eido coa perspectiva de facer estudos transfronteirizos, pois consideramos que as actuais fronteiras administrativas que desglosan o noroeste peninsular provocan unha dinámica de certo desentendemento entre as súas tradicións académicas”, comenta Beatriz Comendador. Fronte a esta “inercia”, engade, “traballamos coa idea de que o noroeste na prehistoria é un territorio único que non entende de fronteiras administrativas”. Tendo en conta esta perspectiva, a xornada que se celebrará en Santiago de Compostela, indican desde a súa organización, pretende achegar o fenómeno da pintura rupestre pospaleolítica e o encontro entre distintas tradicións rupestres á sociedade contextualizando estes achados nunha visión integrada transfronteiriza.

Tres casos e o seu contexto

Na xornada, Beatriz Comendador falará da pintura rupestre da comarca de Monterrei (Ourense) atendendo ao seu contexto territorial e Lara Bacelar das tradicións de arte prehistórica do noroeste peninsular. Nelas abordarán o proxecto de intervención realizado en 2018, coordinado por Beatriz Comendador e no que participou Lara Bacelar, no abrigo con pintura rupestre prehistórica localizado no Concello de Vilardevós, na provincia de Ourense, en 2017. A arqueóloga da Universidade de Vigo tamén falará do proxecto arqueolóxico desenvolvido no Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, tamén coordinado por ela e no marco do cal se atoparon pinturas rupestres de tradición esquemática realizadas sobre granito. O programa do encontro completarase cunha intervención sobre a pintura rupestre de Casaio, localizadas en Carballeda de Valdeorras, Ourense, a cargo de Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC), Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/Universidade de Santiago de Compostela) e Manuel Santos (Universidade do Minho) e unha conferencia de Andrea Martins, investigadora da Universidade de Lisboa, sobre símbolos, artefactos e arte esquemática na península ibérica.