DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade tivo lugar este mércores no Edificio de Ferro

Unha xornada incide no campus no papel do traballo social na prevención da conduta suicida

Nela fíxose fincapé na importancia das redes e recursos de apoio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 23/09/2026

Este mércores desenvolveuse na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense a xornada Traballo social e prevención da conduta suicida. Da evidencia científica á intervención profesional. A actividade estivo organizada polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo. 

Á xornada asistiu alumnado da citada facultade, especialmente do seu Grao en Traballo Social, e púxose en marcha aproveitando que o pasado 10 de setembro celebrouse o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, impulsado pola Organización Mundial da Saúde e a Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio. Contou coa participación de Paula Frieiro, coordinadora da actividade desde o GETS-IT e profesora da Área Traballo Social e Servizos Sociais, e Beatriz Gómez, traballadora social do Sergas.

Respecto ao papel do traballo social e dos seus profesionais nesta prevención, Paula Frieiro salientou que “temos que estar visibles e saber abordar o tema”. Deste xeito, a xornada quixo ofrecer ao alumnado asistente unha contextualización desta temática, con datos de incidencia, e presentarlle recursos e ferramentas para traballar directamente na prevención da conduta suicida, especialmente entre a mocidade. “Queremos pór o foco na importancia da prevención e nos recursos e proxectos hai para fomentala”, subliñou Beatriz Gómez, facendo fincapé na relevancia de que o achegamento a esta problemática se faga “desde unha ollada de apoio, de posta a disposición de recursos”. 

Entre outras cuestións, na xornada falaron de programas de prevención de suicidios como Yam, que se leva a cabo en institutos. Esta iniciativa, sinalaron, “enfócase moito en temas de saúde mental e a busca de axuda”, implicando á propia mocidade “para que saiba a onde acudir, para que fale, que escoite e que vexa os recursos de diferente tipo que lle poden servir de axuda e sostén”. Así, desde a organización da xornada celebrada este mércores no campus lembraron a evidencia de que para a prevención da conduta suicida, os lazos, os vínculos familiares e as redes de apoio de diferente tipo “importan, son relevantes”.