DUVI

Diario da Universidade de Vigo

WordPress Campus Connect desenvolveuse este xoves na Facultade de Comunicación

Unha xornada permite ao alumnado afondar no manexo da ferramenta de deseño web máis empregada no mundo

A través de conferencias e talleres impartidos por profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/10/2026

Baixo o lema de “crea o teu futuro dixital con WordPress nunha mañá”, a Facultade de Comunicación acolleu este xoves unha xornada formativa sobre xestor de contidos web máis empregado no mundo. Nacido hai dous anos nunha universidade da India, WordPress Campus Connect é un programa principalmente dirixido a estudantado universitario, promovido pola comunidade global de WordPress e no que se insiren múltiples eventos en diferentes países. Entre eles, o desenvolvido na mañá deste xoves no campus e que abrangueu relatorios sobre as aplicacións da intelixencia artificial no deseño web e  sobre o uso de métricas para optimizar páxinas, xunto cun taller de iniciación no manexo desta ferramenta de código aberto.

Organizada polo desenvolvedor web Juan Hernando e o profesor da facultade e vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa, Xabier Martínez Rolán, a inauguración desta xornada contou coa participación da vicerreitora do campus, Marián Fernández, e do coordinador do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, Javier Abuín. Nesta presentación, Martínez Rolán subliñou a importancia de “reivindicar o software libre” e convidou ao alumnado participante a atopar en WordPress “un aliado” no seu futuro labor profesional. Nesa mesma liña, Fernández salientou o positivo de xornadas que achegan á UVigo profesionais de “referencia, cos que poder compartir coñecemento e formación”, aspecto no que tamén incidiu Abuín, quen destacou a vinculación dos contidos que se ían abordar ao longo da mañá coa formación que se imparte tanto no mestrado que coordina como no de Dirección de Arte en Publicidade. 

Community engagement da empresa Weglot e co-organizador da WordCamp Galicia, Hernando lembrou a colaboración que a comunidade local de WordPress mantén desde 2018 coa Universidade. Esta, lembrou, contribuíu tanto o impulso en Pontevedra dunha WordCamp que neste 2026 se traslada á Coruña, tras converterse nun evento autonómico, como a organización en 2025 primeiro WordPress Campus Connect que se celebraba en Galicia. “É un evento que permítenos achegar ao estudantado un xestor de código aberto que actualmente impulsa máis do 40% dos sitios web do mundo”, salientou, ao tempo que presentaba ao alumnado “o mundo de oportunidades profesionais” que pode abrirlles esta ferramenta.

Das posibilidades da IA á creación dunha web desde cero 

Deseñadora de negocio dixital, Ana Cirujano abriu a xornada abordando como a intelixencia artificial pode axudar no deseño dunha páxina web, en aspectos como a ordenación de contidos, “decidir que información é máis importante”, revisar a xerarquía visual ou “mellorar unha mensaxe”, apuntan desde a organización. Nese senso, o obxectivo deste coloquio era amosar ao alumnado como “incorporar a IA ao proceso de deseño como unha ferramenta para analizar, propor, comparar e revisar, sen delegar nela o deseño completo nin acabar con resultados xenéricos ou difíciles de manter”.

Enxeñeiro de software en Automattic, a empresa que desenvolve WordPress.com, Javier Tiniaco centrou o segundo relatorio no traballo con diferentes métricas, co propósito de que as e os participantes puidesen ver “como pasar da intuición” respecto do que fan os usuarios e usuarias, a decisións “mellor fundamentadas, usando datos”. 

A xornada completouse co taller Crea a túa web en WordPress desde cero, impartido polo desenvolvedor de software en Automattic Javier Amieiro, quen afondou en cuestións como a configuración dun sitio web, a elección dun deseño acorde co proxecto, a incorporación de contidos ou o manexo das ferramentas básicas do editor.