DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de CC Xurídicas e do Traballo acolle o I Congreso Internacional de Innovación Docente

Unha xornada de reflexión sobre as metodoloxías de ensino do Dereito no mundo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 24/10/2018

De Europa a América Latina e de EEUU a Asia, como se ensina o Dereito? As diferentes metodoloxías empregadas na ensinanza do Dereito nas universidades europeas, norteamericanas, latinoamericanas e asiáticas centran este mércores o I Congreso Internacional de Innovación Docente. La enseñanza del Derecho a debate, que se celebra na Facultade e Ciencias Xurídicas e do Traballo. Dirixido polos docentes Pablo Fernández e Rafael Velázquez, o congreso prolongarase durante toda a xornada, ao longo da que se sucederán os relatorios de docentes procedentes de universidades estranxeiras e comunicacións e debates “nos que a idea é poder achegar experiencias persoais no ámbito da docencia e poñer en común cuestións que xurdan”, aseguraron os directores na inauguración do congreso. No acto de apertura da xornada, o secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel, reivindicou a docencia no Dereito, “á que moitas veces os investigadores consideramos a irmá fea, á que temos que dedicarlle horas que perdemos da nosa investigación. Sempre pensei que docencia e investigación van da man e son dous caras da mesma moeda”. Pola súa banda, a decana do centro, Almudena Bergareche, felicitou ao organizadores por esta iniciativa, que desexou teña continuidade.

EEUU: educación do Dereito moi influenciada polo que din e fan os xuíces 

Alejandro Garro profesor adxunto da Columbia Law School, foi o encargado de impartir o primeiro relatorio do congreso, no que abordou o ensino do Dereito nos Estados Unidos. “O ensino de Dereito, cando menos en EEUU, é a formación de persoas que logo serán líderes no goberno, no estado, na provincia ou na empresa privada e non é pouca cousa. O que se ensina e como se ensina está moi determinado pola infraestrutura política-institucional, o rol que cumpre a universidade, os colexios de avogados, os tribunais de xustiza…”, asegurou Garro, que puxo o acento nas diferenzas existentes neste ámbito entre EEUU, Europa e América Latina.

O investigador e docente da Columbia Law School incidiu na influencia que nos EEUU na educación do Dereito ten o que din e fan os xuíces “que é parte da tradición xurídica. De feito as facultades de Dereito responden ás esixencias de colexios de avogados, que viven criticando como as facultades malforman avogados”, dixo Garro, que tamén se referiu ao que denominou “elementos de infraestruturas” que condicionan o ensino do Dereito en EEUU e no resto do mundo. O docente aludiu en primeiro lugar “á profesionalidade” do ensino de Dereito en EEUU, onde “é unha carreira graduada, un mestrado ou doutoramento, que se fai logo dunha licenciatura de catro anos nos que o alumno pode estudar o que queira (matemáticas, física….) e logo facer Dereito, de xeito que non hai alumnos menores de 23 ou 24 anos”. 

A continuación, Garro referiuse ao rol das universidades privadas, “que en EEUU son puntais, porque teñen máis liberdade para innovar, máis orzamento a través das doazóns e filantropía de antigos alumnos que achegan grandes cantidades de cartos”. Son nestas universidades privadas nas que, segundo afirmou o docente, o alumnado quere entrar e nas as e os docentes son un valor de mercado, ata o punto que pactar cas decanas e decanos dos centros os seus soldos, que son secretos. O acceso ás escolas de Dereito foi outra das cuestións ás que Garro se referiu para asegurar, que fronte ao modelo europeo ou latinoamericano onde prima a democracia, nos EEUU reina a meritocracia, con universidades que teñen gran poder para excluír a quen elas consideran que non deben estar nos seus cadros de persoal.