DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o mércores 15 de decembro na Facultade de Historia

Unha xornada visibilizará a investigación arqueolóxica do GEAAT

Nela presentaranse tanto proxectos xa consolidados como novas liñas de estudo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 09/12/2021

O mércores 15 de decembro, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo celebra na Facultade de Historia unha sesión monográfica na que os seus membros da área de Arqueoloxía presentarán os seus proxectos e liñas de investigación. “Na sesión queremos amosar o que fixemos principalmente durante os tres últimos anos, como foi medrando a nosa área, e tamén presentar os nosos proxectos de grupo e investigacións particulares”, comenta o arqueólogo Adolfo Fernández.

A iniciativa dá continuidade ás II Xornadas do GEAAT, celebradas os días 18 e 19 de novembro e que tiveron como obxectivo visibilizar as liñas de traballo deste grupo e debater sobre o seu futuro co gallo do seu décimo aniversario e no marco das accións desenvolvidas ao abeiro das axudas a grupos con potencial de crecemento, das que é beneficiario. Se esas segundas xornadas se centraron nas áreas de Xeografía, Prehistoria e Historia Antiga do grupo, nesta ocasión o protagonismo recaerá na de Arqueoloxía. Así, o obxectivo é, sinalan desde a organización da actividade, “visibilizar, pór en valor e incrementar o potencial desta área no eido da investigación e a transferencia”.

De grandes proxectos a novo alumnado de doutoramento

A sesión arrancará coa presentación de dous proxectos desenvolvidos ao longo de varios anos polo GEAAT. Así, os investigadores principais Adolfo Fernández e Fermín Pérez explicarán, respectivamente, os proxectos de Armea (Allariz), que vén de cumprir o seu décimo aniversario; e de Astariz (Castrelo de Miño) entre os anos 2016 e 2020. Pola súa banda, as investigadoras de posdoutoramento Alba A. Rodríguez e Patricia Valle presentarán as intervencións desenvolvidas nas Illas Atlánticas (Ons)  e  Adro Vello. Tamén terán oco nas xornadas as e os investigadores de predoutoramento desta área Laura Casal, Roberto Bartolomé, Nerea Ruanova, Héctor Espino e Rita Costa, que falarán sobre as súas investigacións en temas como o instrumental  pesqueiro  antigo  na conca fluvial do río Miño; a produción selada de Lucus Augusti; as marcas de alfareiro en Terra Sigillata en Asturica Augusta e os vidros antigos da Cibdá de Armea.  

A sesión, que se emitirá en streaming, rematará coa presentación dos novos estudantes de doutoramento e mestrado desta área, Andrea Serodio, Raúl Méndez e Nerea Vilariño, e cunha conferencia marco titulada Los oscuros orígenes de un monumento  funerario y  cultual  tardoantiguo:  Marialba  de  la  Ribera (León). De martyrium a basílica bautismal, ofrecida polo catedrático de Arqueoloxía da Universidad de Oviedo José Avelino Gutiérrez.