DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo grupo de investigación da UVigo EQ-2

Unhas xornadas abordan o uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido

Participaron especialistas de universidades de Italia, Brasil e Tunisia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 20/09/2024

O grupo EQ-2 da Universidade de Vigo celebrou este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost'24). Esta cita, de carácter anual desde o ano 2019, ten como obxectivo abordar a investigación que se está a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido.

O comité organizador de BioDeSost'24 estivo formado por María Dolores Torres, Sandra Rivas, Carlos Vila e Noelia Flórez. Segundo explican desde a organización da actividade, o grupo EQ-2, fundado por Juan Carlos Parajó e coordinado na actualidade por Herminia Domíguez, conta con case unha vintena de investigadores e investigadoras e está recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia. “Con estas xornadas anuais, preténdese dar unha visión xeral das liñas de investigación desenvolvidas neste grupo focalizadas no uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido en diferentes ámbitos de aplicación, así coma a doutros especialistas cos que colabora”, afirman.

Das encimas para alimentación animal á lignina

A programación contou con catro conferencias de persoal investigador de universidades de Italia, Brasil e Tunisia e dunha empresa do sector, que expuxeron traballos e experiencias na temática da xornada. Concretamente, a actividade arrancou cunha conferencia de Gemma González, veterinaria e doutorada en Producción Animal (AB-Vista). “O seu traballo de investigación céntrase no desenvolvemento e aplicación de novas encimas para a alimentación animal, desenvolvemento de novos oligosacáridos e estudo da calidade dos ingredientes cun enfoque no rendemento produtivo dos animais e a función intestinal”, sinalan desde a organización da xornada. Ademais, na súa intervención dedicou especial atención a explicar os retos profesionais no sector empresarial agroalimentario.

Seguiulle una conferencia de Sheyma Inoubli, investigadora en ciencias biolóxicas da Universidade de Cartago, en Tunisia. Nela falou do seu traballo, centrado na extracción de metabolitos de biomasa mariña, así como as súas propiedades biolóxicas, funcionalidades e formulación. Na súa intervención abordou a avaliación das propiedades biolóxicas de polisacáridos recuperados da alga verde invasora Caulerpa racemosa. Pola súa banda, Bruno Alves Nogueira, biólogo e investigador en ciencia e tecnoloxía alimentaria da Universidade Federal do Pará, Brasil, expuxo o seu traballo en procesos de extracción de compostos bioactivos de matrices vexetais empregando os principios da química verde, centrándose na Garcinia macrophylla como unha prometedora fonte infrautilizada de bioactivos compostos existente na Amazonía.

Por último, Alessandra Operamolla, profesora da Universidade de Pisa (Italia) falou sobre a lignina como o segundo polímero orgánico máis abundante contido na biomasa lignocelulósica. “Recentemente abordouse a necesidade de desbloquear o potencial da lignina como material, incluso contemplando a súa inclusión en baterías sostibles. Outros estudos están en curso para dilucidar as propiedades estruturais da lignina para ampliar a súa aplicabilidade a dispositivos de almacenamento de memoria", apuntan desde BioDeSost'24.