DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto á delegación de alumnado

Unhas xornadas achegan ao alumnado diferentes ferramentas para enfrontarse ao mercado laboral

Esta actividade abriuse abordando a elaboración dun currículo e a preparación para unha entrevista

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 06/03/2018

Dunha serie de consellos para afrontar unha entrevista de traballo a un achegamento a como se prepara unha oposición, pasando pola xestión das emocións, a negociación ou a cohesión grupal, as xornadas formativas Habilidades persoais, que desde a mañá deste martes se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte buscan achegar ao alumnado que se atopa preto de rematar os seus estudos unha serie de ferramentas que, máis aló da formación académica, contribúan á súa inserción no mercado laboral. Organizadas pola facultade xunto coa Delegación de Alumnado e patrocinadas polo Consello Social, estas xornadas están integradas por 14 conferencias, talleres e mesas redondas centradas en “temáticas transversais a todos os nosos estudantes”, como salientou a vicedecana Esther Martínez no acto de apertura.

“Desde hai anos vimos organizando outro tipo de xornadas coa mesma filosofía, a de promover a vosa pronta inserción laboral”, engadiu Martínez na inauguración dunha actividade que buscouse "respondera directamente ás necesidades do alumnado", o que motivou que o seu enfoque e contidos fosen definidos pola delegación de estudantes. Foron as e os represenantes do alumnado pois as responsables de definir o programa dunhas xornaas nas que, como engadiu o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, participan diferentes titulados e tituladas, “que volven a súa casa para contar a súa experiencia”, e que grazas a ter o eixo nesas competencias transversais conseguiron tamén sumar tamén a presenza de estudantes doutras facultades e escolas.

O decano, Vicente Romo, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, e os representantes da delegación Marcos García e Patricia Álvarez participaron tamén no acto inaugural, no que Pedrosa puxo o acento en que aínda que “a día de hoxe non se coñecen a metade das profesións que serán necesarias no futuro”, si que será preciso que os futuros e futuras profesionais dispoñan de “capacidades horizontais” como a creatividade, a capacidade de emprender e innovar ou o traballo en equipo. “Trátase de ferramentas totalmente necesarias e que non se imparten dentro do grao”, engadían ao respecto os representantes da delegación, quen inciden nese senso en que o programa foi elaborado co propósito de que fose útil tanto para o alumnado dos tres graos da facultade como ao dos diferentes centros do campus.

O traballo de buscar traballo

Trala presentación, as xornadas abríronse abordando o “traballo de buscar traballo” como salientou Antonio Ventín, responsable dunha empresa deportiva e alumno na actualidade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, despois de traballar durante dez anos no ámbito dos recursos humanos para empresas como Antena 3. Nesa última faceta centrou un coloquio no que buscou por unha banda achegar unha serie de claves ao alumnado á hora de elaborar os seus currículos e cartas de presentación, nos que destacou a importancia de introducir “o que nos diferencia do resto”. Nese senso, puxo de relevo a importancia destas competencias trasnversais como un valor engadido en procesos de selección “nos que o título e o mesmo e os coñecementos suponse que son os mesmos”. Por outra banda, Ventín tamén achegou nesta conferencia unha serie de recomendacións á hora de afrontar unha entrevista persoal como “informarse da empresa á que vamos, que é fundamental”, responder con seguridade e sinceridade ou manter unha correcta postura corporal, xa que, “a primeira impresión é a que conta e dependendo da persoa que nos entreviste vánsenos abrir ou pechar portas”.

Como argumentar nun debate, da man do egresado Javier Prieto, a defensa de traballos de fin de grao e mestrado, a comunicación ou a aprendizaxe centrada no estudante constitúen outros dos contidos a abordar nesta primeira xornada, mentres que o mércores a formación sobre negociación, xestión de emocións e educación emocional verase complementada ademais con dúas mesas redondas paralelas centradas nos ámbitos de traballo propios dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. A primeira, explican Patricia Fernández e Marcos García, reúne a diferentes perfís profesionais do ensino co propósito “de coñecer que nos atoparemos cando cheguemos a un centro”, mentres que a segunda busca abordar o papel dos titulados e tituladas dentro dun equipo multidisciplinar de profesionais.