DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle entre este martes e este xoves a ‘Érték Conference’

Unhas xornadas achegan ao alumnado as experiencias de 15 profesionais da comunicación e o márketing

13 conferencias e un taller integran o programa dun evento promovido polo alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2019

15 profesionais do márketing e a comunicación protagonizan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a Érték Conference, un evento promovido por un grupo de estudantes do centro que busca ampliar a formación do alumnado nestes ámbitos a través das experiencias de diferentes profesionais. 13 conferencias e un taller integran o programa destas xornadas, que contan co patrocinio da facultade e reúnen a representantes de diferentes axencias, emprendedores e emprendedoras ou aos responsables de márketing e comunicación do Celta de Vigo, Pescanova ou El Corté Inglés en Galicia. “Trátase de xente que ten historias que contar, que ten unha traxectoria detrás, que cometeu erros..., e entre a que se atopan moitos ex-alumnos da facultade”, salienta Sara Piñeiro, unha das responsables deste evento xunto con Carla Tresandí, Lucas Peteiro, Claudia Torreira, Daniel Castrillón, Eva Varela, Sofía Rodríguez e Ángela Souto.

Tres días de actividade

Trala presentación, na que Lucas Peteiro combinou a información sobre as xornadas co humor, o evento abriuse cunha conferencia de Jorge Calvo, responsable da axencia The Rubik, trala que tivo lugar un relatorio do director da axencia Corre Lola Corre, Carlos Fernández, sobre a “marca persoal, sobre como desenvolver o noso currículo”, explican as organizadoras. Tamén nesta primeira xornada, a representante do departamento de e-commerce da marca Krack Natalia Magán, ex-alumna da facultade, afondou no ámbito do comercio electrónico, mentres que outra egresada do centro, a directora de márketing do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, Angélica Falagán, protagonizou un relatorio sobre “experiencias en espazos comerciais”. Pecha este primeiro día Andrea Venn, cofundadora da marca de camisetas Venn Brand, “que vainos falar un pouco como abrirse un oco no sector da moda”, salienta Piñeiro, que incide en que achegar aos e ás asistentes experiencias de emprendemento era outro dos obxectivos das xornadas. 

O mércores, as xornadas abriranse co relatorio sobre xestión de crises do ex-alumno e xefe de márketing do Real Club Celta, Gael García; sucedido pola conferencia sobre comunicación corporativa da responsable de comunicación de Pescanova Tesa Díaz. Tamén o mércores, a Értek Conference contará coas intervencións de Carla Avión e Rubén González, responsables da empresa de roupa Fillos do Mar; e dos representantes da júnior empresa da facultade Freshysweet, Raquel Soto, Marina Ramos e Noelia Chantrero. Esta segunda xornada completarase co relatorio que Xiana Vidal e Nuria Grandío, da axencia Elemental Chefs, centrarán na xestión de redes sociais de diferentes empresas, e coa participación de Cristina García e Anxo Bautista, da axencia Esmerarte, “que van falar da organización, produción e comunicación de eventos, como os festivais O Son do Camiño ou PortAmérica”, explica Piñeiro. Xa o xoves, a Érték Conference pecharase coa conferencia sobre xestión de patrocinios do director de Comunicación, Relacións Institucionais e Márketing de El Corte Inglés, Pati Blanco, e cun relatorio do especialista en comunicación política Carlos Varela. No programa do evento inclúese así mesmo, un taller sobre Motion Graphics impartido polo profesional da axencia Anónimo e ex-alumno da facultade Jacobo Martínez.

Diferenciarse a través das emocións

De abrir esta serie de conferencias encargouse Jorge Calvo, CEO e director creativo e estratéxico de The Rubik, unha axencia con sede en Madrid que tivo como clientes a empresas como Adidas, BBVA ou Iberia. O obxectivo da súa conferencia, explicou, foi abordar como as marcas “deberían comportarse na época na que vivimos”, marcada polo “cambio nas regras do xogo” que supuxo a irrupción das redes sociais e plataformas dixitais. “Vou falar basicamente de emocións, de como conectar emocionalmente co consumidor, que é a única maneira de que as marcas sexan relevantes”, salientou Calvo, que incidiu nese senso en que, con independencia do tamaño da empresa e do seu orzamento, o obxectivo debe ser sempre “conectar coas persoas” a través da creatividade. Para iso, sinalou, as marcas teñen que actuar “con transparencia e honestidade”, xa que, se ben "hai 30 anos había un emisor" dunha información que ti “recibías, como usuario ou consumidor”, na actualidade as e os consumidores “poden saber absolutamente todo sobre unha marca”. Adaptarse a esta nova realidade, subliñou Calvo, implica unha “transformación radical da cultura dunha compañía”, algo do que, recoñece, “non moitas empresas son conscientes”.

Difusión en redes sociais

A organización desta compañía viu precedida pola campaña que o alumnado organizador levou a cabo en redes sociais, nas que difundiron unha serie de vídeos protagonizados por Antonia, unha personaxe que presentan como unha “antítese” do que representa Érték; proposta que complementaron á súa vez coa colocación na facultade dun cartel de grandes dimensións para o que adaptaron un meme protagonizado por Albert Rivera. As organizadoras e organizadores tamén promoveron a distribución, nunha plataforma, de entradas gratuítas ao vento, logrando “cubrir as cen prazas que ofrecíamos en varias das sesións”, explican.