DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación acolleu a presentación de resultados do proxecto ‘Disaster Journalism’

Unhas xornadas achegan recursos para a cobertura informativa de catástrofes a estudantes e profesionais

Abranguen un libro, unha guía e unha serie de podcast e vídeos divulgativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/01/2026

Financiado polo programa comunitario Erasmus+, o proxecto Disaster Journalism: Preventing the News from Turning into a Disaster tiña como obxectivo contribuír a unha mellor cobertura xornalística de catástrofes e desastres naturais, como terremotos, incendios ou inundacións, a través dunha serie de recursos formativos. Coordinado pola Selçuk University de Turquía, neste proxecto participan investigadores e investigadoras de catro países, entre os que se atopan os docentes da UVigo Javier Abuín e Martín López Nores. Ambos participaban este venres na Facultade de Comunicación nunha xornada de presentación dos resultados deste proxecto, entre os que se atopan o libro Disaster Journalism, que condensa o currículo formativo sobre xornalismo de desastres desenvolvido ao longo do proxecto, guías de actuación para profesionais e unha serie de podcasts, infografías e vídeos divulgativos.

Dirixido a presentar estes materiais tanto a profesionais do xornalismo como ao estudantado, este infoday desenvolveu na tarde deste xoves unha sesión virtual e na mañá deste venres levouse a cabo de xeito presencial nesta facultade, co propósito tamén de dar a coñecer os diferentes contidos ao alumnado do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. A apertura desta sesión contou coa intervención da decana, Emma Torres, quen puxo de relevo a importancia deste tipo de iniciativas en materia de transferencia, xa que, sinalou, “a investigación debe xerar coñecemento que repercuta positivamente na sociedade”.

Desenvolvido ao longo dos últimos dous anos, en Disaster Journalism participan tamén a Universidade de Primorska (Eslovenia) e a Taras Shevckenko National University de Kiev (Ucraína), así como o municipio metropolitano de Konya, o Consello Supremo de Radio e Televisión de Turquía e o Directorio de Comunicacións do goberno turco. O seu punto de partida, explicou Abuín, é a detección dunha “carencia” en materia formativa respecto da cobertura informativa tanto de “desastres que poidan ser xerados polo home, como accidentes ou guerras, como de todo tipo de catástrofes naturais”. Nese senso, o seu obxectivo era desenvolver un currículo formativo centrado nunha serie de cuestións, relacionadas tanto coa abordaxe informativa deste tipo de sucesos como de aspectos que “axuden a xestionar e estar preparados para a cobertura de desastres”.

Manuais e recursos divulgativos

Dar resposta a esta serie de cuestións é un dos obxectivos do libro Disaster Journalism, no que “condénsase o currículo formativo sobre xornalismo de desastres” desenvolvido polos diferentes socios. Editada tanto nos idiomas dos catro países representados no proxecto como en inglés, trátase dunha publicación que aborda temáticas como a verificación, a ética ou a empatía cara as vítimas, na que as e os investigadores da UVigo asinan capítulos sobre a dimensión visual na cobertura de desastres, a supervisión editorial ou o uso de tecnoloxías dixitais no relato informativo. 

Para o desenvolvemento destes materiais, o equipo de investigadores e investigadoras reuniu, a través dunha enquisa, as opinións de preto de 900 profesionais, estudantes e académicos dos catro países, como explicou nesta xornada o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín López Nores. A realización destes cuestionarios permitiu detectar “un consenso moi alto das competencias máis valoradas” para a cobertura deste tipo de episodios, como “transmitir os feitos de maneira fiable”, evitar “condutas manipulativas” ou levar a cabo “un traballo ético coas vítimas”. Ao mesmo tempo, esta análise puxo de relevo que máis do 92% das e dos participantes “recoñecían non ter coñecementos suficientes” sobre os diferentes tipos de desastres e preto do 77% sinalaban tamén que carecían de “guías éticas específicas” para facer fronte a este tipo de episodios. Referíndose xa aos e ás xornalistas participantes no estudo que tiveran traballado na cobertura de desastres, López Nores explicou que o 95% sinalaron que terían precisado de formación específica e o 70% afirmaba tamén que “descoñecía o equipamento adecuado” co que debían contar para traballar nestes contextos. Nese senso, os materiais desenvolvidos buscaron dar resposta a algunhas das cuestións trasladadas polos profesionais, como dispor de recursos de “verificación e autocontrol” ou dispor de recomendacións “para evitar a dramatización ou o exceso de sensacionalismo”, á vez que inciden en cuestións como “o estrés e a degradación profesional que pode derivar do tratamento e cobertura de desastres”, sinalou López Nores.

Estas ideas trasladáronse tamén a outrapublicación que reúne unha guía práctica para a cobertura do xornalismo de desastres, outra centrada en cuestións éticas e unha terceira que aborda aspectos de seguridade. Cada un destes tres bloques dividíase á súa vez en cinco capítulos, que son o punto de partida de 15 podcast, infografías e vídeos divulgativos, desenvolvidos polos investigadores da UVigo. O técnico José Luis Andrés foi nesta xornada o encargado de presentar uns materiais “de carácter educativo” e divulgativo, explicou, que nas próximas semanas estarán dispoñibles nos cinco idiomas do proxecto.