DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres na historia

Unhas xornadas achéganse á maternidade e á infancia nas grandes culturas da antigüidade

Foron inauguradas por Manuel Reigosa e Susana Reboreda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 25/10/2021

No camiño cara a igualdade, un dos retos que afronta a sociedade é a visibilización das mulleres non só no presente senón tamén no pasado, nunha historiografía da humanidade escrita por e desde o patriarcado. Co obxectivo de contribuír a esa relectura da historia desde unha perspectiva de xénero, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este luns a celebración da IV Xornada Olladas á antigüidade: maternidade e infancia.

A actividade, á que asistiron arredor de 70 persoas de xeito presencial e virtual, estivo organizada pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense e membro do GEAAT Susana Reboreda e contou con financiamento da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Estas xornadas, indicou a súa responsable, xurdiron hai catro anos co obxectivo de contribuír a emendar “a eiva do noso grao de Xeografía e Historia, que non ten unha historia das mulleres, como eu entendo que sería desexable”. En cada edición, sinalou, elíxese para as xornadas unha temática relacionada coa muller, neste caso a maternidade e a infancia, e convídase a participar a catro expertas, cada unha especialista nunha das grandes culturas da antigüidade (Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma).

Na apertura da xornada, a decana de Historia quixo agradecer a presenza nela de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, presenza que, apuntou, “o que nos está dicindo é a importancia que a nosa institución lle dá a que se cumpran os aspectos tan importantes da igualdade”. Pola súa banda, Manuel Reigosa agradeceu “o traballo da decana e de todo o seu equipo e da facultade na organización dunhas xornadas que eu creo que teñen moitísimo sentido”. Así, apuntou como esta iniciativa é un pequeno paso máis no camiño cara a igualdade, recalcando a importancia de visibilizar “esa historia esquecida, agochada, esa historia das invisibles que foron as mulleres durante moitísimo tempo”. Neste senso, o reitor subliñou a importancia de que “coñezamos realmente a situación de desigualdade intolerable que sufriron as mulleres durante practicamente toda a historia e que seguen a sufrir”, apuntando que “actividades coma esta son importantes para mentalizarnos do que se fixo mal durante a historia e do que hai que facer no futuro”. No eido da loita pola igualdade, Manuel Reigosa destacou o esforzo que realiza a UVigo “por ser exemplo de institución igualitaria” e lembrou como este compromiso está recollido no plan estratéxico da universidade. Igualmente, o responsable institucional puxo de relevo a necesidade de reivindicar “o papel das humanidades na sociedade” con iniciativas coma estas xornadas xa que, afirmou, “sen humanidades estamos perdidos”. 

Catro visións

A xornada arrancou cunha conferencia de Agnès Garcia, investigadora Ramón y Cajal da Universitat Autònoma de Barcelona, titulada Más alá da maternidade biolóxica: adopcións e outros sistemas de filiación na Mesopotamia antiga. “Cando se me propuxo a temática desta xornada pensei nas maternidades non biolóxicas, porque ás veces parécenos moi moderno falar de adopcións, de filiacións que non son biolóxicas, e non o é tanto”, sinalou a relatora. Neste contexto, indicou, “pareceume interesante amosar como en Mesopotamia, na primeira metade do segundo milenio antes da nosa era, xa temos contratos de adopción, sistemas de adopción”. Nestes sistemas, detallou, “vemos que o coidado, a educación, dar un oficio é o que dá a paternidade ou a maternidade, e non só a cuestión biolóxica”. Nalgúns casos, engadiu a relatora, estes sistemas van ligados a ser dunha clase alta pero, afirmou, “parece que é algo transversal a outras clases sociais”. 

A xornada continuou cunha conferencia de Eugenia Muñoz, profesora no ISCCR / ITC de Santiago e da Universidad Pontificia de Salamanca, na que se centrou “na relación entre as nais e os fillos en Exipto, no amor filial, na protección que a nai dispensaba ao fillo e como cando o fillo medra este ten o deber moral de ser o que se encargue de protexer e coidar de seus pais na vellez e na morte, co culto funerario”. Pola súa banda, Dolors Mola, profesora da Universitat de Barcelona, reflexionou sobre a desigualdade de nenas e nenos na Grecia antiga a través da representación dos seus corpos. Na súa intervención, a historiadora abordou como as nenas sempre aparecen vestidas e os nenos nus, na infancia, en imaxes de cerámicas e estelas funerarias. “A lectura que eu fago deste feito, de que as nenas estean sempre vestidas, co corpo cuberto, e os nenos nus, é a desigualdade, porque dáselle un valor superior ao corpo masculino, ao sexo masculino”, sinalou.

Por último, Rosa Cid, catedrática de Historia Antiga da Universidad de Oviedo, falou da infancia na Roma antiga en clave de xénero e a partir dos xoguetes. Así, explicou como “nas tumbas das nenas teñen un papel destacado as bonecas, cousa que non acontece nas dos nenos, onde o que hai son moitos cabaliños”. Ante este feito, a historiadora lembrou como as bonecas “son un símbolo dos bebés que van a ter as nenas cando sexan maiores, a boneca é un xoguete intemporal que se empregou moito para marcar a diferenza entre homes e mulleres”. Na súa intervención quixo que “o alumnado presente tamén se dea conta de que pouco evolucionamos desde entón”, apuntando que moitas das rapazas presentes no público tamén “xogaron con bonecas e eles con cabaliños e camións”.