DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas este venres polo grupo EQ2 da UVigo

Unhas xornadas afondan no aproveitamento sostible de biomasa vexetal e mariña

A obtención de compostos prebióticos e de alimentos funcionais foron algúns dos temas abordados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 24/09/2021

O grupo EQ2 da Universidade de Vigo celebrou este venres as súas III Xornadas Biomasa e Desenvolvemento Sostible. Nelas, investigadoras e investigadores deste grupo ou formados nel achegaron á comunidade universitaria as posibilidades que presenta o aproveitamento sostible de biomasa vexetal e mariña para a obtención de produtos de interese en sectores como o químico, o enerxético, o cosmético, o alimentario ou o farmacéutico.

A iniciativa, de carácter divulgativo e anual, estivo organizada polos investigadores e investigadoras Mª Dolores Torres, Sandra Rivas, Noelia Flórez-Fernández e Carlos Vila, membros do EQ2, grupo multidisciplinar cun amplo historial investigador no eido do aproveitamento sostible de biomasa. Na cita, celebrada na Facultade de Ciencias e a través do Campus Remoto da UVigo, presentouse “unha visión xeral das liñas de investigación de EQ2, así como dos estudos realizados por investigadoras e investigadores formados nel e que actualmente desenvolven a súa actividade en diferentes centros”. A xornada arrancou coa intervención do catedrático da UVigo José Luis Alonso e pechouse cun recoñecemento aos 30 anos de andaina do grupo organizador, coordinado pola catedrática Herminia Domínguez.

Catro visións

A xornada iniciouse cunha intervención sobre o uso de novas tecnoloxías para a obtención de elementos bioactivos e alimentos funcionais das algas, do doutor Marco García, da University College Dublin. Na súa intervención centrouse no uso de novas tecnoloxías, incluíndo procesos de optimización e vantaxes do seu uso para o aproveitamento das algas, e nos beneficios para a saúde dos compostos bioactivos obtidos. Profesor asociado na Escola de Agricultura e Alimentación da University College Dublin, o seu interese investigador céntrase no uso de algas e microalgas e outros residuos da industria alimentaria para a xeración de elementos bioactivos e alimentos funcionais.

A valorización de biomasa lignocelulósica e o fraccionamento e produción de platform chemicals foi outro do temas abordados, neste caso pola doutora Mar López, da Universidade de Vigo. “O desenvolvemento e a implementación a grande escala das biorrefinerías agárdase que desempeñe un papel chave na transición cara un modelo de desenvolvemento sostible a través de estratexias baseadas na bioeconomía circular”, comentou a investigadora. Dentro das biorrefinerías de biomasa lignocelulósica, na súa intervención centrouse nas principais tecnoloxías aplicables para o fraccionamento das materias primas en diferentes correntes, así como a posterior valorización destas fraccións para a obtención sostible de produtos de alto valor engadido mediante tratamentos químicos que utilicen tecnoloxías respectuosas co medio ambiente”.

Pola súa banda, a tamén doutora da UVigo Beatriz Míguez falou na súa intervención sobre biomasa vexetal como fonte de compostos con potencial prebiótico, centrándose nos métodos de obtención de oligosacáridos con potencial prebiótico a partir de subprodutos procedentes da industria agroalimentaria e madeiras, empregando para iso tecnoloxías respectuosas co medio ambiente. Ao longo da súa presentación abordou os métodos químicos e/ou biotecnolóxicos máis utilizados para a obtención destes compostos, así como distintas técnicas de caracterización, fraccionamento, purificación e a avaliación in vitro dos seus efectos nas poboacións da microbiota intestinal e a súa actividade metabólica.

Por último, Vanesa Sanz e Kai L. Baltrusch, investigadores da UVigo, interviron na xornada sobre a revalorización de residuos de té. “Mediante técnicas extractivas limpas e respectuosas co medio ambiente, preténdese dar solución ao problema ocasionado pola poda das plantas de té. Nesta práctica agrícola xéranse grandes cantidades de residuos sólidos verdes, residuos aos que é posible darlle un valor engadido determinado novas propiedades e aplicacións reais no campo da medicina, a farmacoloxía, a alimentación e a cosmética”, sinalaron.