DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas co gallo do Día Mundial do Traballo Social

Unhas xornadas afondan no campus na relación entre violencia de xénero e saúde mental

Contaron coa asistencia dun centenar de persoas do ámbito académico e profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 17/03/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada A violencia de xénero e a saúde mental, organizada co gallo do Día Mundial do Traballo Social. Nela abordouse a temática e a problemática elixida "dende dispositivos públicos, privados e do terceiro sector” co obxectivo de contribuír a “construír un mundo máis en equilibrio e harmonía". A actividade estivo organizada polas profesoras Katia Rolán e Raquel Vázquez, do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa (AIPSE) da Universidade de Vigo, e financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade. 

Á cita asistiron un centenar de persoas, tanto alumnado e profesorado universitario como profesionais. Foi inaugurada por Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Carmen Verde, coordinadora Grupo GETS-IT; Mª José Vázquez, coordinadora Grupo de Innovación Docente Innova; Estela Villalda, do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e as coordinadoras da actividade. Nas súas intervencións, destacaron que o lema desta edición do Día Mundial do Traballo Social é ‘Construír esperanza e harmonía. Un clamor Harambee para unir a unha sociedade dividida’. En concordancia con este lema, na apertura subliñaron a importancia de que “todas e todos xuntos traballemos para afrontar os grandes desafíos da sociedade actual” e que desde o traballo social se ofreza á sociedade, unha sociedade que cada vez afronta “unhas problemáticas máis complexas”, unha resposta coordinada desde as entidades públicas, privadas e do terceiro sector. Igualmente púxose en valor o compromiso da Facultade de Educación e Traballo Social ourensá coa “formación e a transformación social”.  

Visións múltiples 

Neste contexto, a xornada quixo ofrecer ás persoas asistentes unha visión multidisciplinar sobre a violencia de xénero e a saúde mental co obxectivo de contribuír a unha mellor comprensión das dinámicas desta violencia, dos recursos dispoñibles fronte a ela e das estratexias de acompañamento e intervención coas vítimas. O traballo social, lembrouse na apertura da actividade, “constitúe unha das primeiras frontes de acción contra a violencia de xénero”. E concretamente, na actividade celebrada este martes quíxose pór o foco na saúde mental, lembrando como a violencia de xénero tamén “é trauma, impacto emocional, dor moitas veces invisibilizada...”.  

A sesión arrancou cunha intervención sobre a violencia de xénero e a saúde mental, dedicando especial atención á abordaxe dende o ámbito público a través da Rede Galega de Acollemento, que foi ofrecida por Roberto Barba, director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Froito da súa dilatada traxectoria como xuíz, entre outros no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 da Coruña, e en diferentes fases do procedemento xudicial de casos de violencia de xénero, e tras coñecer “miles de vítimas”, o relator puxo o aceno na importancia da temática abordada nesta xornada, a saúde mental e a violencia de xénero. O director xeral lembrou que a violencia de xénero non é só a violencia física e recalcou a gravidade da psicolóxica, lembrando como así o castiga a lexislación penal. 

Na súa intervención, Roberto Barba fixo fincapé no “impacto do maltrato psicolóxico constante, reiterado no tempo e no espazo e no que a vítima queda case como se fose un obxecto, porque xa perdeu totalmente a autoestima como persoa”. Roberto Barba falou de sinais deste maltrato como o illamento, sobre todo da familia, o control excesivo, os cambios de humor, a chantaxe emocional e de consecuencias como a ansiedade, a depresión e a baixa autoestima. “Paulatinamente vaise minando e minando á muller”, indicou. O relator tamén destacou no proceso que viven estas mulleres “a inquietude, a incerteza, sobre todo cando chegan ao xulgado, de que vai pasar a partir de agora”. O director xeral dixo que no ámbito da violencia de xénero, o seu compromiso “foi sempre na dirección de aglutinar esforzos” xa que, dixo, “a violencia de xénero está impresa na nosa sociedade” e é preciso “loitar desde diferentes frontes para combatela”. Cando estás nun xulgado, dixo, “ves a realidade” de que hai “atrocidades e barbaridades que acontecen á volta da esquina”. 

Tras a súa intervención, Beatriz Gómez, traballadora social no Servizo de Saúde Mental do CHUO (Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Sergas) fixo unha aproximación á temática das xornadas desde o ámbito sanitario e Antía López, traballadora social en Atelier Social falou da violencia de xénero e o labor de prevención no ámbito educativo desempeñada dende a iniciativa privada. Por último, o público asistente puido achegarse á intervención dende o terceiro sector a través da experiencia da vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental xestionada pola asociación Saúde Mental A Mariña, contando coas intervencións da súa directora técnica xeral e xerente, María José Novoa, e a súa psicóloga Sonia Nogueiras.