No marco dun proxecto financiado polo V Plan Social Ence Pontevedra
Unhas xornadas afondan en como mellorar as fontes de pole que teñen as abellas en eucaliptais
Liderado polo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Universidade de Vigo
Este venres a Facultades de Ciencias do campus de Ourense acolleu a celebración dunha xornada titulada Fomentando a biodiversidade: + recursos apícolas en contornas forestais. A iniciativa enmárcase no desenvolvemento dun proxecto que, co mesmo título e financiado polo V Plan Social Ence Pontevedra, está a desenvolver o Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Universidade de Vigo co obxectivo de mellorar a apicultura en eucaliptais.
Na xornada houbo conferencias sobre a diversidade de recursos apícolas en España e as bases para unha apicultura sostible; sobre as axudas á apicultura; sobre abellas, apicultura e desafíos do cambio climático e a perda de biodiversidade; e sobre o valor nutricional do pole apícola. Foron ofrecidas por Amelia Virginia González, do Instituto Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario y Forestal de Castilla-La Mancha e o Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo; Marcos Barreiro, xefe do servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural; Antonio Nanetti, do Centro di Ricerca Agricoltura e Ambiente, do Consiglio per la Ricerca in Agricoltura e l’Analisi dell’Economia Agraria, de Bolonia (Italia); e Soraia Isabel Marcos Falçao, do Centro de Investigação de Montanha, do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal). Xa pola tarde houbo obradoiros de análise palinolóxica do mel e outro sobre o seu universo sensorial.
Os retos da apicultura
Na inauguración da xornada, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou a dilatada traxectoria do grupo organizador en temas apícolas e o tamén o compromiso do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo no desenvolvemento deste tipo de liñas de investigación. O responsable académico apuntou que “vivimos un momento no que a apicultura afronta retos moi significativos”, citando o cambio climático, a perda de hábitats, os incendios forestais, a homoxeneización da paisaxe, a diminución de especies vexetais melíferas e pragas como a avespa velutina. “Ante este panorama, fortalecer a diversidades de recursos dispoñibles para as abellas non é só unha estratexia técnica, é un compromiso coa biodiversidade, coa seguridade alimentaria e co futuro das nosas comunidades rurais”, afirmou Francisco Javier Rodríguez, membro tamén do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da UVigo.
A responsable do proxecto Fomentando a biodiversidade: + recursos apícolas en contornas forestais, a catedrática da UVigo e coordinadora do Grupo de investigación en Sistemas Agroambientais María del Carmen Seijo, explicou que os obxectivos desta iniciativa son incrementar a dispoñibilidade de especies produtoras de pole de calidade na contorna das colmeas; aumentar a biodiversidade en áreas forestais e promover a apicultura en áreas forestais mellorando o estado nutricional das colonias. Para acadar estes obxectivos, o proxecto conta con diferentes liñas de acción. Entre elas están realizar ensaios de campo en colmeas situadas nos municipios de Marín, Poio e Pontevedra, seleccionando un conxunto de colmeas en cada lugar para realizar o seguimento das fontes de pole que as abellas obteñen da contorna. Ao seu abeiro tamén se fará a cuantificación do valor nutritivo do pole colleitado polas abellas e o seguimento sistemático das especies en flor na contorna. Por último, levarase a cabo o deseño dun programa para a introdución de especies que fornezan pole de boa calidade para as abellas, co obxectivo de aumentar a dispoñibilidade deste alimento esencial para os polinizadores.
Segundo comentou a catedrática da UVigo, traballos previos teñen sinalado unha “crecente tendencia á desaparición de colonias de abellas melíferas en todo o mundo” e a súa mortalidade asóciase a diferentes factores, entre os que se atopa “a calidade nutritiva” e a diversidade do pole que teñen á súa disposición. O proxecto, dentro das súas limitacións, sinalou, proponse analizar que tipo de recursos hai nas contornas forestais de eucaliptais, que calidade achegan á apicultura e facer propostas de mellora destes recursos apostando pola biodiversidade.
