DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan especialistas de oito universidades, maxistrados e axentes sociais

Unhas xornadas afondan nos retos do dereito do traballo e da seguridade social ante a próxima reforma laboral

A cita desenvólvese este xoves e venres na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 30/09/2021

Especialistas de oito universidades, maxistrados e axentes sociais analizan este xoves e venres na Facultade de Dereito do campus de Ourense os retos do dereito do traballo e da seguridade ante a próxima reforma laboral en España e a xurisprudencia da sala do social do Tribunal Supremo. A cita, que leva por título O dereito do traballo e da seguridade social: entre aplicación e transformación, presta especial atención a temas como a contratación, as condicións de traballo, a seguridade social, a negociación colectiva e o despido en España.

A iniciativa enmárcase no proxecto de investigación da Xunta de Galicia Retos para un mercado de traballo equitativo e aberto á competencia no contexto da nova economía, do grupo con potencial de crecemento de Dereito Mercantil e do Traballo da Universidade de Vigo e nela participan académicos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Oviedo, Valencia, Cádiz, La Laguna, Sevilla e Castilla-La Mancha, ademais de catro maxistrados e maxistradas, da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Xulgado do Social de Ourense; e representantes do Consello Galego de Relacións Laborais de Galicia e da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. A xornada tamén inclúe unha mesa redonda sobre a negociación da reforma laboral na que participan interlocutores sociais (representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e das principais organizacións sindicais) e pecharase cun relatorio sobre a reforma laboral de Joaquín Pérez, secretario de estado de Empleo y Economía Social.

Na inauguración da cita Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, destacou dela o número de persoas inscritas (que seguen a actividade de xeito presencial ou virtual) e a calidade das e dos relatores que participan. Igualmente salientou “a oportunidade do tema que tratan, xa que nestes momentos estamos nun tempo de especial dificultade tanto para empresas como para traballadores”. Pola súa banda, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, directora da xornada e membro do proxecto no que xorde esta iniciativa, subliñou como con esta actividade “a nosa pretensión é achegármonos á casuística e aos problemas que xorden da regulación laboral vixente e analizar desde diferentes perspectivas os retos e as posibles liñas de actuación para afrontalos” no marco da reforma laboral. Esta reforma, subliñou, “debe facer fronte á temporalidade, á precarización e á inestabilidade do mercado laboral pero cun carácter non meramente conxuntural senón estrutural e que afectará á relación individual do traballo, ao dereito colectivo e á seguridade social”.

Pola súa banda, Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo e responsable do proxecto no marco do cal se organiza a xornada, salientou como a temática elixida “é unha cuestión de actualidade pero tamén de fondo, de transcendencia”, sinalando como “estamos nunha época transformadora do noso marco interno de relacións laborais e pareceunos importante que aquí a debatésemos”. Así, apuntou, “estes meses está presente na mesa de concertación social a reforma laboral e á marxe de que se cheguen a acordos puntuais si que hai un proceso reformador de fondo que vai desde cuestións de contratación temporal ata cuestións de negociación colectiva e de extinción de contratos”. Ademais, recalcou, na xornada abordarase a xurisprudencia da sala cuarta do Tribunal Supremo, que, indicou, “está abrindo perspectivas que podemos cualificar como novidosas” no eido laboral.

Reformas complexas

A programación arrancou cunha conferencia de Carolina Martínez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Oviedo, sobre a reforma da contratación temporal. Esta contratación, indicou, xunto ao modelo de negociación colectiva e a extinción do contrato, serán algúns dos eixes da reforma laboral que se está madurando na actualidade. A reforma laboral de 2012 que o goberno se propón modificar, sinalou a relatora, é a reforma da “crise” que “en materia de negociación colectiva efectivamente desequilibrou o que estaba establecido anteriormente, que estableceu máis medidas de flexibilidade interna e externa, medidas para facilitar os despidos e medidas de axuste de emprego na empresa polo empresario”, entre outras cuestións. Esa reforma de 2012, dixo Carolina Martínez, “ten unha serie de ítems que habería que modificar”, como as comisións ad hoc dos períodos de consulta nas medidas de axuste ou a inaplicación transitoria dos convenios colectivos, pero recalcou que “se quixésemos de verdade reformular o estatuto dos traballadores, renovar ese pacto social que se fixo na Transición para a primeira versión do estatuto do ano 80, teríamos que pratexar moitas máis cousas das que agora están en riba da mesa”. Así, lembrou como “estamos ante unha norma que é do ano 80, que se modificou moito no ano 94 e que sufriu e experimentou moitísimas modificacións parciais”. Porén, dixo, esa reforma de calado “é unha tarefa moi complexa que esixiría moito consenso, moito diálogo social, que se está facendo sen dúbida de maneira moi intensa e eficiente creo eu, pero sería preciso ademais un escenario político de compromiso de todas as forzas políticas, que eu non vexo agora neste momento fácil de alcanzar”.

Entre as e os relatores da xornada tamén está este xoves Jesús Cruz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Sevilla e presidente da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. No seu caso achégase a Ourense para analizar a situación na que se atopa a negociación colectiva en España e que perspectivas se abren no inmediato futuro de reforma da mesma. Na reforma laboral comprometida polo goberno coa UE da que se fala nos medios de comunicación e que se comenta que podería estar pechada para final de ano, dixo o relator, “a negociación colectiva vai ser con seguridade un dos puntos máis relevantes, de maior impacto”. A reforma, sinalou, “preténdese que dea resposta ao panorama novo que nos enfrontamos despois da pandemia, aos cambios que se producen como resultado da dixitalización, e sobre todo que estableza un modelo de fortaleza dos convenio colectivos, que quedaron moi debilitados coa anterior reforma de 2012. Vai a ser unha reforma que con seguridade corrixirá algunhas das medidas que se adoptaron entón”.