DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle este xoves o ciclo ‘Xénero, feminismo e creación visual’

Unhas xornadas analizan no campus o cómic, a animación e o deseño gráfico desde a perspectiva de xénero

Co obxectivo de afondar no papel formativo e informativo da imaxe

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/09/2018

O peso do visual na sociedade dixital contemporánea fai que as imaxes xoguen un “papel crucial na difusión de contidos e na fixación de estereotipos de xénero, moitas veces inconscientes pero non por iso inofensivos”. Deste xeito presentan as profesoras da Área de Didáctica da Expresión Plástica e integrantes do grupo de investigación Remoss Cristina Varela, Begoña Paz e Itziar Ezquieta o punto de partida das xornadas Xénero, feminismo e creación visual, que ao longo deste xoves se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Xornadas que contan co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade e que buscan poñer o foco, como salientou Varela, na “importancia formativa e informativa da imaxe” a través dunha serie de conferencias que abordan desde a perspectiva de xénero “linguaxes moi contemporáneas” como a gráfica, a animación ou a banda deseñada. 

Un percorrido pola animación partindo das “princesas Disney”

Abordar a capacidade da creación visual tanto para perpetuar estereotipos como para contribuír a novas formas de pensamento constituía nese senso o propósito dunhas xornadas que o doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo Cristian Gradín abriu cun relatorio no que, a través de diferentes exemplos, amosou ao alumnado como “a animación foi reflectindo os roles de xénero”. Empregando como punto de partida a idea das “princesas de Disney”, Gradín trazou nesta conferencia un percorrido no que incidiu en como esta imaxe foi evolucionando, “porque evidentemente todas as formas de escritura adáptanse á sociedade na que xorden”, desde “princesas Disney clásicas como Cincenta, que aceptaba o seu castigo sen protestar e era rescatada por un príncipe” a personaxes como Mérida, da película Brave, “que compite por gañar a súa propia autonomía e busca o seu propio destino”. Así mesmo, este percorrido combinou este achegamento “a animación máis comercial” cunha ollada á animación independente e experimental, “na que hai unha representación de toda unha serei de sexualidades e afectividades alternativas”.

Deseño gráfico e cómic feminista

As xornadas contaron tamén coa participación da deseñadora gráfica Uqui Permui, autora de proxectos como a campaña En negro contra as violencias, quen puxo o acento na capacidade do deseño, “algo tan cotián que case non lle damos importancia”, como ferramenta “para poder achegar unha mensaxe a unha poboación diferente da militante”. Previamente, Permui contrapuxo no seu relatorio os conceptos de gráfica feminista, “gratuíta, espontánea e realizada por militantes”, e deseño gráfico feminista, “feito por profesionais”; dous conceptos que, como engadiu, “teñen unha serie de puntos en común, que se entrecruzan”, o que o levou a defender que “o que o separa non é importante”, dado tamén ese “plus” que a profesionalidade implica á hora de trasladar a mensaxe a públicos diversos. 

Xa pola tarde, as xornadas continúan coa conferencia Autorrepresentación e feminismo(s) no cómic español recente feito por mulleres, na que a investigadora María Márquez achega ao alumnado o traballo dunha serie de “autoras emerxentes, moi posicionadas publicamente cando expoñen, a través de traballos colaborativos ou a nivel individual nas redes sociais”. Redes que se teñen convertido, explica, nunha importante ferramenta de difusión e conexión desta nova xeración de autoras, “moitas con proxección internacional” e entre as que figuran tamén creadoras galegas como Pepa Prieto Puy ou Roberta Vázquez.

A continuación, as xornadas complétanse cun debate no que as e o conferenciante debaterán sobre esa capacidade da “imaxe gráfica como ferramenta activista e formativa, coa que xerar outros imaxinarios”, como salienta a comisaria, crítica de arte e xestora cultural Anxela Caramés, responsable de conducir un coloquio sobre como a creación visual pode “contribuír a cambiar eses estereotipos”.