DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolveuse ao longo de catro sesións

Unhas xornadas analizan a estreita relación entre o dereito e a sostibilidade ambiental

Contando coa participación de especialistas da UVigo, da Universidade Rovira i Virgili e de Coren

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 03/12/2024

Os días 25 e 26 de novembro e 2 e 3 de decembro tivo lugar na Facultade de Dereito do campus de Ourense a celebración das III Xornadas Dereito e Sostibilidade Ambiental. Nelas, especialistas da UVigo, da Universidade Rovira i Virgili e Coren explicaron ao alumnado do centro asistente cuestións referidas ao dereito ambiental e a este en relación coa paisaxe, os recursos hídricos, o urbanismo e o sector privado.

Desde a Área de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, a actividade estivo dirixida por Paula Gamallo, coordinada por Sofía Salgado e tendo na secretaría académica a Manuel Antonio Crespo. Segundo explican desde a súa organización, as xornadas, que se celebran por terceiro ano consecutivo, “reflicten a nosa aposta decidida pola análise e a protección do medio ambiente desde unha perspectiva xurídica”. Igualmente, as e os responsables da actividade amosan a súa confianza en que “estas xornadas continúen consolidando o compromiso da nosa facultade coa sostibilidade, xerando un impacto positivo na formación dunha nova xeración de xuristas sensibilizados coa preservación do medio ambiente”.

A actividade, sinala Paula Gamallo, “permite ao alumnado de Dereito comprender a relevancia das ferramentas normativas na xestión do medio ambiente, abordando aspectos como a avaliación ambiental, a regulación da paisaxe ou o réxime xurídico dos recursos naturais”. Ademais, as intervencións de profesionais do sector privado e de doutros ámbitos académicos, engade, “enriquecen o enfoque práctico, conectando o dereito coas necesidades reais da sociedade”. A programación arrancou en novembro cunha introdución ao dereito ambiental como instrumento da avaliación ambiental e seguiu cunha conferencia sobre o réxime xurídico da paisaxe, concretamente sobre a regulación e estratexia da paisaxe galega, ambas a cargo de Paula Gamallo. A terceira sesión, celebrada este luns, centrouse no réxime xurídico das augas termais e minerais, coa participación de Sofía Salgado, da Universidade Rovira i Virgili.

Peche este martes

Este martes a programación rematou cunha conferencia de Roberto O. Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, sobre a planificación urbanística arredor do concepto xurídico de medio ambiente, e outra de Lucía Botana, responsable do Departamento de Medio Ambiente de Coren, sobre os procedementos ambientais e o dereito ambiental desde a perspectiva da empresa. Por último tivo lugar un coloquio sobre os contidos desenvolvidos ao longo das catro sesións das xornadas.

Na súa conferencia, Roberto O. Bustillo falou sobre a relación entre o urbanismo e o medio ambiente e a súa evolución. Ata hai unhas poucas décadas, sinalou o catedrático, “o medio ambiente era un límite externo ao urbanismo pero hoxe en día son realidades inevitablemente conexas”. Así, detallou, “da mesma forma que en España non se pode concibir un dereito de propiedade desligado da función social da propiedade, porque a función social é un límite interno do propio dereito, non se pode concibir un dereito urbanístico desligado das súas conexións ambientais”.

O relator explicou ao alumnado presente que “para concibir un bo desenvolvemento urbanístico dun municipio hai que considerar moitos elementos, non só o puramente arquitectónico ou o puramente económico”. Desde os anos 70 do pasado século, lembrou, xorde desde o mundo da arquitectura o concepto de cidade como un ecosistema, o ecosistema urbano, “no que son importantes todo os procesos que suceden nela”. Así, dixo Roberto O. Bustillo, “á hora de deseñar unha cidade hai que ter en conta moitos datos, moita información, desde os fluxos de poboación ata os horarios de apertura e peche dos establecementos comerciais”. Hai 20 ou 30 anos, apuntou o profesor da UVigo, “manexar toda esa información era moi difícil pero hoxe en día si é posible: temos ferramentas que proporcionan moitos datos e ferramentas que analizan eses datos”. Estas ferramentas tecnolóxicas, afirmou, “deben contribuír a que a planificación urbanística do mundo urbano e do mundo rural sexa mellor”.