A actividade ten lugar na Facultade de Relacións Internacionais
Unhas xornadas analizan os retos e tendencias en contratación mercantil internacional e comercio electrónico
A primeira das sesións tivo lugar este mércores e a segunda será o 3 de decembro
Este mércores pola tarde arrancou na Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense a celebración das Xornadas sobre contratación mercantil internacional e comercio electrónico: retos e tendencias. A actividade, que terá unha segunda sesión o día 3 de decembro, está organizada pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, dirixida pola catedrática Ana María Tobío e coordinada polo profesor axudante Roberto Couto.
A primeira das conferencias, a celebrada este mércores, foi ofrecida por Manuel Alba Fernández, profesor titular de Dereito Mercantil e vicerreitor adxunto de Propiedade Intelectual e Aspectos Xurídicos e Éticos en Investigación da Universidad Carlos III de Madrid. Levou por título Negociación contractual e tratos preliminares nas transaccións comerciais internacionais. O relator, sinalan desde a organización das xornadas, é “un investigador e especialista destacado en contratos internacionais e dereito marítimo, ademais doutros campos do Dereito Mercantil, onde consta con numerosas publicacións”. Ten sido profesor visitante en diversas universidades de Europa, América e Asia e foi delegado por España perante a Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional (UNCITRAL). Ademais ten traballado como consultor ou experto para diversas organizacións internacionais e actuado como árbitro en procedementos desenvolvidos en España e no estranxeiro.
Na súa conferencia no campus de Ourense, Manuel Alba falou “da fase preliminar da contratación, é dicir, cando aínda non hai propiamente contrato”, unha fase “non exenta de transcendencia e que pode xerar certa responsabilidade para as partes, na medida en que se vexan frustradas expectativas ou xurdan conflitos”. Malia a súa importancia, explican desde a organización das xornadas, “a fase preliminar do contrato ten unha regulación moi pobre no dereito español”. Así, o relator explicou como neste contexto acadan sendo de especial significación os instrumentos normativos internacionais e de soft law (como poden ser os denominados Principios de UNIDROIT sobre os contratos comerciais internacionais do ano 2016 ou os denominados Principios Lando, de dereito contractual europeo). En base a tales instrumentos, explicouse na conferencia, “conságrase o respecto da liberdade contractual ou da boa fe, que deben imperar na fase preliminar do contrato, e resulta posible formular diversos remedios cando se vulneran tales deberes”.
O vindeiro día 3 de decembro, ás 17.30 horas, na mesma aula magna Concepción Arenal do edificio Xurídico-Empresarial e a través do Campus Remoto da UVigo, lugar terá lugar unha segunda conferencia das xornadas. Neste caso será impartida por Marta García Mandaloniz, profesora titular de Dereito Mercantil (acreditada a catedrática) e vicerreitora adxunta de Orientación a Estudantes tamén da Universidad Carlos III de Madrid. No seu caso a conferencia leva por título Contrato de seguros e intelixencia artificial.
