DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo grupo de investigación Food and Health Omics

Unhas xornadas analizan a “transformación radical” que vive a industria alimentaria debido ás tecnoloxías emerxentes

Coa asistencia de 190 persoas procedentes do ámbito académico, profesional e da administración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 09/05/2025

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a terceira edición da Xornada anual sobre políticas alimentarias que cada ano organiza o grupo de investigación da Universidade de Vigo Food and Health Omics. Nesta ocasión, centrou o seu foco de interese na industria alimentaria do futuro, nas tendencias e retos que afronta este sector debido ao impacto das tecnoloxías emerxentes.

O evento estivo coordinado polas profesoras Beatriz Cancho e Raquel Rial e contou coa colaboración do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Na súa apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que “estas xornadas son unha oportunidade para aprender, debater e sobre todo para colaborar, xa que só desde o diálogo aberto entre administracións, empresas, centros de coñecemento e sociedade poderemos construír unha industria alimentaria preparada para os retos que veñen”.

Automatización, agricultura vertical e intelixencia artificial

Pola súa banda, Beatriz Cancho salientou na inauguración que estas xornadas, ás que asistiron arredor de 190 persoas, constitúen, despois de tres anos consecutivos celebrándose, un punto de encontro de todos os actores que están implicados na cadea alimentaria (a comunidade educativa e investigadora, a empresa e a administración pública) e un “foro de debate sobre os temas máis importantes e candentes na industria alimentaria”. A edición deste ano, indicou, analizou a “transformación radical” que está a vivir a industria alimentaria “impulsada pola revolución FoodTech, que integra tecnoloxías emerxentes para crear un sistema alimentario máis sostible e eficiente”.

Sobre esta revolución, as promotoras da xornada sinalaron que “a automatización, a agricultura vertical e a intelixencia artificial, son algunhas das innovacións que están a redefinir a produción, distribución e consumo de alimentos a nivel global”. Así, detallaron, “a automatización, coa incorporación de robots e sistemas automatizados na produción e distribución de alimentos, está a mellorar a eficiencia, reducindo custos e minimizando erros humanos nas empresas alimentarias”. Pola súa banda, engadiron, a agricultura vertical, coa eficiencia no uso de recursos, emerxe como unha solución innovadora para os desafíos da produción alimentaria. E a intelixencia artificial, coa análise de grandes volumes de datos, sinalaron que está “a desempeñar un papel crucial na toma de decisións, na optimización de procesos e na mellora da calidade e seguridade dos alimentos”.

“A pesar dos avances significativos, a industria aínda enfronta varios desafíos. A necesidade de investimento en infraestruturas, capacitación e educación é crítica para garantir que estas innovacións se adopten de maneira efectiva”, afirmaron as responsables das xornadas. Ademais, apuntaron a importancia de ter en conta “que as políticas alimentarias deben adaptarse para apoiar a evolución da industria alimentaria” e que “a medida que a industria alimentaria evoluciona, tamén o fai a conciencia social sobre a sostibilidade”.

Exemplos do sector

Tras a inauguración desta II Xornada anual sobre políticas alimentarias. A industria alimentaria do futuro. Novos retos e tendencias de mercado, a programación arrancou cunha conferencia sobre a revolución FoodTech, concretamente sobre innovación, dixitalización e sostibilidade na nova industria alimentaria, a cargo de Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga. Seguíronlle intervencións sobre a adaptación ás novas tendencias do mercado da industria vitivinícola, concretamente das Bodegas Martín Códax, a cargo de Katia Álvarez, enóloga desta empresa, e sobre a “agricultura do futuro, unha realidade do presente”, con Iván García, CEO de Néboda, empresa focalizada na agricultura vertical de interior.

Tamén se falou na xornada sobre a redución dos tempos de curación en queixos e embutidos, con Víctor Lama (CEO de Enzicas, empresa focalizada na investigación biotecnolóxica) e sobre a aplicación práctica da intelixencia artificial no sector alimentario, con Roberto Fernández (cofundador de Logicmelt, empresa de tecnoloxías da información). Completou o programa unha intervención sobre o papel de Anfaco como axente dinamizador da innovación e disrupción no sector mar-alimentario, a cargo de Paula Fajardo, responsable adxunta da liña de Biotecnoloxía e Saúde da Área de I+D desta entidade.

Sobre este panel de participantes, as responsables das xornadas subliñaron que “para nós é verdadeiramente importante que as empresas estean aquí, veñan ao campus, e de primeira man nos conten as súas necesidades reais, como están levando a cabo as súas actividades de investigación e innovación, e poidamos así tender pontes de colaboración”.