DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse no edificio Miralles o 19 e 20 de novembro

Unhas xornadas analizarán no campus os retos das universidades galegas ante a Axenda 2030

Inclúen unha sesión de presentación de pósters con diferentes experiencias sobre cooperación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/10/2018

Achegarse ao fenómeno da cooperación universitaria ao desenvolvemento e establecer un diálogo entre os axentes sociais chaves na cooperación ao desenvolvemento. Estes son dous dos grandes obxectivos cos que xorden as Xornadas A cooperación universitaria ao desenvolvemento ante a Axenda 2030, organizadas polas tres universidades galegas e que se celebrarán na sala 1 do edificio Miralles os vindeiros 19 e 20 de novembro.

“A iniciativa xurde coa idea de dar a coñecer, tanto na Universidade de Vigo como nas outras universidades galegas, todas as cuestións relacionadas coa cooperación universitaria ao desenvolvemento”, explica o profesor Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, quen salientou  que estas xornadas serán o “pistoletazo de saída” de toda unha serie de accións que se van pór en marcha dentro do ámbito da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, CUD. “Queremos que a comunidade universitaria de Vigo sexa consciente da transcendencia da cooperación universitaria e isto é o primeiro que organizamos neste senso”, explicou Mahou.

Nas xornadas  trasladarase a idea da cooperación á axenda 2030, un plan de acción posto en marcha pola Organización das Nacións Unidas en 2015 e que, en certo sentido, obriga aos diferentes estados e, por tanto, ás súas institucións a buscar unha forma de implementar a axenda a través de 17 obxectivos, os chamados 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. “Estes obxectivos entran de cheo e de forma transversal na cooperación ao desenvolmento, pero van máis aló. Son obxectivos que tratan sobre pobreza, igualdade, medio ambiente… temas inmensos que se vehiculizan a través da cooperación ao desenvolvemento e nos que se busca unir o local co global. É dicir, se aquí o que se busca é a igualdade de oportunidades, a loita contra a pobreza, o desenvolvemento sostible… isto ten que replicarse tamén no global noutros países a través da cooperación”, explica Mahou.

Que se está a facer e que pode facerse?

Que é a cooperación universitaria ao desenvolvemento? Esta é a pregunta coa se iniciarán as xornadas. O debate tratará de pór en valor que as universidades non son meras correas transmisoras á cooperación, senón que son un actor máis dentro da cooperación ao desenvolvemento. Neste sentido, dende o equipo organizador das xornadas explican que a CUD céntrase básicamente en transferencia, coñecemento e investigación. “Nós non facemos cooperación en terreo, pero si podemos apoiar ás ONGs, tanto facendo difusión das distintas campañas que poñen en marcha, como, sobre todo, intentando transferir o noso coñecemento, desde o punto de vista da investigación e a docencia, cara aos países do sur. Isto podería facerse participando en proxectos de investigación ou realizando actividades de forma conxunta”, recalca o director da Área de Responsabilidade Social.

Ademais de para aclarar que é a CUD, as xornadas servirán tamén para dar a coñecer o que se está a facer nas universidades galegas neste sentido, tanto desde o punto de vista da transferencia, como da investigación e da docencia. Durante os dous días que duran as xornadas está previsto a realización dunha pausa café de comercio xusto, que incluirá unha charla na que se explicarán as principais características que debe cumprir un produto para ser considerado de comercio xusto.

Como acadar financiamento?

Outro aspecto importante que se tratará ao longo das xornadas son as posibles fontes de financiamento, algo que sobre todo lle interesará a comunidade universitaria, pois tratarán de darse as principais claves sobre como deben orientarse este tipo de proxectos. Para isto contarase coa participación de tres expertos: Javier Vallejo, da Unión Europea; Carolina Diz, da Xunta de Galicia, e Pablo Cid, de AECID, a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo. “Eles son os que nos van a explicar como temos que armar os proxectos de investigación para poder acceder ás distintas axudas que existen”, recalca Mahou.

E, se importante é saber que e como se pode facer desde as universidades españolas, non menos relevante é coñecer que se está a demandar dende as institucións de ensino superior deses países do sur. Para logralo contarase coa intervención, vía videoconferencia, de Astrigilda Pires, da Universidade de Cabo Verde, e de Carolina Pérez e Darío Díaz, da arxentina Universidad Gastón Dachary. “Con esta mesa redonda pretendemos que sexan eles mesmos os que nos expliquen cales deben ser as liñas mestras cara as que se debe orientar a CUD”, recalca Mahou.

O segundo día das xornadas, o martes 20, o programa meterase xa de cheo na Axenda 2030, analizando cales son as chaves da súa elaboración e vendo como as universidades teñen que adaptar as súas políticas aos obxectivos deste documento estratéxico. Contarase, entre outros, coa participación de Jorge Solana, quen leva anos traballando no ámbito da cooperación universitaria ao desenvolvemento e o voluntariado internacional e que na actualidade exerce como asesor no Alto Comisionado para a Axenda 2030. 

Presentación de pósters ata o 12 de novembro 

Ao abeiro das xornadas, o luns 19 está prevista unha sesión de presentación de pósters nos que se expoñan os resultados de investigacións ou experiencias sobre cooperación ao desenvolvemento e a Axenda 2030 no ámbito da universidade. Exporanse un máximo de nove pósters, cuxa impresión será subvencionada pola organización das xornadas. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o vindeiro día 12 para enviar as súas propostas e, posteriormente, un comité formado por representantes das tres universidades seleccionará as propostas gañadoras.