DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrarase no concello ourensán de Larouco

Unhas xornadas analizarán os impactos físicos e sociais dos lumes deste verán

Organizada desde Ecobas e a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 12/11/2025

Transcorridos varios meses desde a vaga de lumes que este verán afectou á provincia de Ourense, Castela e León e Estremadura, Ecobas e a Universidade de Vigo organizan o venres 14 de novembro no Concello de Larouco (Ourense) a xornada Ciencia e comunidade: arredor do lume na zona 0. Impacto dos incendios forestais. Especialistas de diferentes ámbitos analizarán nesta cita as consecuencias que tiveron estes incendios tanto no ámbito físico como social. 

A xornada celebrarase na Casa da Cultura de Larouco, coorganizada pola directora científica de Ecobas, María Loureiro, e a investigadora do Grupo HC1 da Universidade de Vigo María Isabel Doval, unha das coordinadoras do proxecto europeo Storcito, que está a afondar na busca de solucións para a transformación sostible das comunidades rurais. Colabora na iniciativa o Concello de Larouco e a apoia o grupo EcoIuris da Universidade de Santiago de Compostela. Sobre a elección de Larouco para acoller este encontro, desde a súa organización sinalan que “o incendio de Larouco, con 32.000 hectáreas de superficie queimada, foi confirmado como o peor da historia da nosa comunidade autónoma”. 

Polo que respecta á pertinencia da temática elixida, desde a organización da xornada explican que a “calor intensa e secas persistentes son síntomas dunha tendencia confirmada pola Organización Meteorolóxica Mundial” e que “ambos factores avivan o risco de incendios forestais e contaminación atmosférica, dando lugar a un escenario ao que cada vez nos enfrontamos máis a miúdo”. Así, apuntan, “a superficie de monte queimado en Galicia en 2025 elévase ao 40% das hectáreas asoladas polo lume en toda a última década”. Neste escenario, desde Ecobas e UVigo indican que “ciencia, investigación multidiscliplinar e colaboración cidadá son fundamentais para atopar solucións”. 

Dúas mesas redondas e un espazo de diálogo

A actividade, aberta a toda a cidadanía, contará “coa intervención de persoas expertas e representantes de distintos colectivos directamente afectados e ocupados en atopar as vías de mellora para que nada igual volva a suceder no futuro”. A programación contará con dúas mesas redondas. Unha primeira centrarase nos impactos físicos dos incendios forestais, como a degradación do solo, a perda de biodiversidade, a erosión, a hidroloxía e a atmosfera post-incendio. Intervirán, con moderación de María Isabel Doval, Rafael Carrera (Asociación de Traídas de Augas, Coxapo); Fran García (Fundación Juana de Vega); Marcos Reinoso (Asociación Desenvolvemento Rural Serra do Caurel) e, por parte da Universidade de Vigo Juan Picos (Escola de Enxeñaría Forestal) e Fernando Veiga (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e co-director do proxecto europeo Storcito). 

A segunda mesa afondará nos impactos sociais dos incendios forestais, como a saúde mental, o despoboamento, a cohesión comunitaria, a resiliencia rural e a reconstrución social. Estará moderada por María L. Loureiro e contará coa participación de Iván Pérez (bombeiro forestal Brif Laza); Lito Prado (Cooperativa Amarelante); Rosa Álvarez (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) e José Díaz, avogado. A sesión rematará cun espazo aberto de diálogo coa comunidade para recoller impresións, aprendizaxes e propostas de futuro sobre a prevención e xestión dos incendios forestais.