Celebraranse os días 16 e 17 de outubro no campus
Unhas xornadas analizarán os últimos avances computacionais en simulación de fluídos
O evento contará coa participación de especialistas en técnicas HPC de diferentes países
Os días 16 e 17 de outubro o campus de Ourense acollerá a celebración das xornadas HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019. A cita, organizada polo Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo, reunirá a especialistas de diferentes países que usan en investigacións de excelencia HPC (high performance computing) para que presenten os últimos avances na aplicación destas técnicas no desenvolvemento de modelos numéricos para a simulación de fluídos.
O evento, coordinado polos investigadores de Ephyslab José Manuel Domínguez e Orlando García e vinculado ao proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, conta cun comité científico no que participan investigadores das universidades de Cantabria, A Coruña, Manchester (Reino Unido), Gent (Bélxica) e o Instituto Superior Técnico de Portugal. Nel colaboran, ademais da Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, o Centro de Investigación Mariña, o Cesga e a Rede Española de Supercomputación.
Ferramenta para a xestión de recursos e riscos
Na actualidade, detallan os responsables das xornadas, o modelado numérico constitúe “unha ferramenta fundamental” para a xestión de recursos e a prevención de riscos relacionados coa auga. “É importante, por exemplo, para predicir o comportamento dos sistemas de protección costeira ante temporais cada vez máis frecuentes e con maior intensidade debido ao cambio climático e para desenvolver mapas de risco ante inundacións provocadas por períodos intensos de choiva”, explican os investigadores de Ephyslab. Por este motivo, engaden, habitualmente estas simulacións requiren “a simulación de grandes dominios con alta resolución”, o que supón un elevado custe computacional, sendo “imperativo que os modelos de simulación numérica utilicen técnicas de HPC para aproveitar os recursos computacionais que ofrecen os centros de supercomputación”.
As e os asistentes a HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019, indican os seus responsables, “terán a oportunidade de escoitar as intervencións de expertos no modelado numérico e HPC, así como aos propios desenvolvedores destes modelos”. Durante as xornadas, sinalan, vanse presentar os últimos avances no desenvolvemento dos modelos numéricos Iber, Dualsphysics e Ihfoam así como aplicacións que só se poden estudar grazas ao uso de HPC. Precisamente Ephyslab traballa no desenvolvemento dos dous primeiros modelos. Así, detallan desde este grupo de investigación, Dualsphysics é un modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta con violencia en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras, e Iber, pola súa banda, é un modelo empregado para a simulación de inundacións en dúas dimensións, para valorar o alcance e o impacto de fenómenos de transporte en inundacións en zonas como concas de ríos ou de estuarios.