DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar este martes e mércores pola tarde no campus

Unhas xornadas analizarán o papel do traballo social na defensa do territorio e no desenvolvemento sostible das comunidades

Nelas abordarase o impacto de proxectos de explotación de bens naturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 05/05/2025

Este martes e mércores a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra as II Xornadas traballo social ecosocial: defensa do territorio e comunidades sostibles. O seu obxectivo é “fortalecer o desenvolvemento do traballo social ecosocial e a organización comunitaria mediante a reflexión, o diálogo e as accións colectivas”.

Na actividade, alumnado, profesionais e colectivos compartirán “boas prácticas e experiencias de traballo social, de acción e de resistencia comunitaria na defensa dos ecosistemas de vida e do territorio”. Coordinada por Francisco Aguiar e Evelia Murcia, a iniciativa quere establecer alianzas e estratexias desde o traballo social para o desenvolvemento de comunidades sostibles e resiliente, ser un foro de debate “sobre a necesidade dunha transición xusta” e analizar os conflitos socioambientais e os impactos xerados nas comunidades “polos proxectos extractivistas e de explotación industrial dos bens naturais”.

De Altri ás eólicas

A  programación desenvolverase os dous días na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, a partir das 16.00 h, contando co apoio do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. O primeiro día, o 6 de maio, comezará cunha conferencia de Emiliana Vicente, presidenta do Consejo General del Trabajo Social, sobre a responsabilidade do traballo social fronte aos desafíos ecolóxicos e a xustiza ecosocial. Seguiranlle intervencións sobre a avaliación do impacto social dos proxectos industriais, a cargo de Fernando Relinque, director da Cátedra Trabajo Social Verde da Universidad Pablo de Olavide (Sevilla), e sobre o impacto ambiental da macrocelulosa de Altri, con Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

Esta primeira sesión tamén contará coa conferencia Matria. Poesía para a terra, de Adela Figueroa, bióloga e escritora, fundadora de Adega, e o faladoiro Non somos terra de sacrificio: comunidades en loita pola defensa do territorio e da vida. Neste último participarán membros de Plataforma Ulloa Viva; Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non; Plataforma SOS Suído-Seixo e Stop Eólicos Limia-Xurés-Celanova. Pechará a programación un diálogo aberto con plataformas veciñais arredor da pregunta de cal debe ser o papel do traballo social na defensa do territorio e no desenvolvemento sostible das comunidades, moderado por Miriam Sierra, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

Falando desde a experiencia

O mércores 7 a actividade arrancará cun panel de experiencias grupais e comunitarias de traballo social ecosocial no que se falará do Grupo para a abordaxe integral da saúde sexual desde o ecofeminismo; do traballo social comunitario no Val do Jerte (Estremadura) sobre redes para envellecer na comunidade; da natureza no programa grupal de mulleres con cancro Vitalia, e dos grupos con perspectiva ecosocial en colectivos vulnerables. Tamén haberá espazo para falar do traballo dos grupos de profesionais, concretamente do International Social Work Group in Ecological Justice; do Grupo Promotor de Trabajo Social Ecosocial de España; do Grupo de Trabajo Ecosocial de la Asociación Universitaria de Trabajo Social e do Grup de Treball Social Ecosocial do Col·legi Oficial de Treball Social de València. A programación inclúe a presentación da guía Unha receita para a diversidade cultural. Educar para a sostibilidade e a soberanía alimentaria a través da antropoloxía da alimentación, a cargo de Beatriz Comendador, do grupo de innovación docente en EduAcción Patrimonial da Universidade de Vigo, e o Obradoiro vivencial. Explorando o traballo social ecosocial a través da arte, a cargo de Andrea Alfaya.

Como “actividade en conexión” con esta xornada está a proxección, o día 8 de maio, ás 20.00 h., no Cineclube Padre Feijoo, do documental A loita final, dirixido por Enrique Banet e producido por Mabel Rivera, e no que se abordan os posibles efectos da implantación da macrocelulosa de Altri. Esta actividade está organizada polo Cineclube Padre Feijoo e a Plataforma Ulloa Viva-Grupo Ourense.