DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro curso ampliarase a área xeográfica incluíndo citas en Portugal

As Xornadas Comarcais de Orientación achegaron a UVigo a máis 1300 estudantes de secundaria

En 2019 celebráronse no Carballiño, na Mariña, no Salnés, na Barbanza, no Morrazo e no Baixo Miño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/01/2020

No curso 2018-2019 a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria puxo en marcha de xeito piloto unha xornadas comarcais de orientación para dar a coñecer a institución ao potencial futuro alumnado universitario. Dada a súa boa acollida, apostouse por continuar con esta liña de traballo e, ao longo de 2019, celebráronse seis xornadas comarcais nas que participaron máis de 1300 alumnos e alumnas de institutos de diferentes concellos galegos. A vicerreitora Natalia Caparrini explica que o balance desta primeira edición é moi bo e para o curso próximo a idea é “ampliar tanto o número de xornadas como a área xeográfica, incluíndo algunha en Portugal”.

O obxectivo deste programa é achegar a UVigo a todos os puntos de Galicia a través dunhas xornadas que se celebran cunha orientación comarcal, dándose cita nelas institutos de diferentes zonas. O da Universidade proporciónalles información sobre as ABAU, os procesos de admisión, a oferta formativa dos tres campus, así como das instalacións, aloxamentos, bolsas, os servizos e a vida universitaria. Xunto con eles, nas xornadas toma parte tamén persoal docente e investigación que lles explica as características académicas e as saídas profesionais das titulacións de grao por ámbito de coñecemento. “É un formato que nos gusta moito”, recoñece a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, porque se condensa nunha xornada “toda a información que precisan para incorporarse á Universidade”.

Proxectando a UVigo nas catro provincias

As seis xornadas celebradas este pasado 2019 levaron á Universidade de Vigo a proxectarse nas catro provincias galegas, con actividades nas comarcas do Carballiño, Mariña, Salnés, Barbanza, Morrazo e Baixo Miño. En total foron 1303 mozos e mozas de 17 institutos, datos que para o vindeiro curso a institución agarda ampliar. 

Polo momento, e mentres as xornadas comarcais de orientación non se retomen a partir do mes de setembro, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria ten programas outro tipo de actividades para o que resta de curso 2019-2020, como xornadas de portas abertas nos centros ou a Xornada de Orientación Universitaria, XOU, que se celebrará nos campus para dar a coñecer a oferta académica e as instalacións ao alumnado de secundaria. Paralelamente a UVigo tamén participará nas diversas promocionais e seguirá a organizar visitas guiadas aos campus de centros educativos que así o soliciten.