Celébranse ata mañá na EEI amosando a interdisciplinariedade do sector clínico- tecnolóxico
As Xornadas de Enxeñaría Biomédica consolídanse cun espazo de seu na UVigo na súa segunda edición
Independizadas das JAI, na procura da conexión universidade, hospital e industria
Nacidas o ano pasado baixo paraugas das Jornadas de Automatización Industrial (JAI) e dirixidas a estudantado, empresas tecnolóxicas, persoal investigador e profesionais do sector sanitario, a segunda edición das Xornadas de Enxeñaría Biomédica desenvólvese este martes e mércores na Escola de Enxeñaría Industrial cunha gran novidade: “a súa total independencia. Separámonos das JAI para consolidar un espazo propio e 100% enfocado á enxeñaría biomédica”, explica Irina Collazo, coordinadora do evento, xunto ao director da Escola, José Fariña.
Cunha mesa redonda sobre as realidades e desafíos das mulleres STEM botaba andar esta mañá a segunda edición da xornadas, que conta cunha decena de postos de empresas, tanto multinacionais de referencia, como firmas locais, e nas que se desenvolven relatorios técnicos e obradoiros prácticos, ademais de demostracións en directo de robótica e tecnoloxía médica de última xeración. “Buscamos reflectir a interdisciplinariedade real do sector clínico-tecnolóxico e o criterio principal á hora de elixir as temáticas e ás e aos poñentes foi apostar por figuras ‘médico+enxeñeiro’, amosando como a colaboración estreita entre ambas disciplinas resolve necesidades concretas dentro dos hospitais”, explica Irina Collazo.
No desenvolvemento das xornadas, que este mediodía foron inauguradas polo conselleiro de Sanidade e o vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa da UVigo, a organización destaca o respaldo de Alberto Fernández Villar, xefe do Servizo de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e de Manuel Casal Guisando, enxeñeiro biomédico da Área de Neumoloxía do HAC, e o apoio da EEI.
Un punto de encontro idóneo para alumnado, profesionais e empresas
Abranguendo un amplo abano de áreas como robótica, procesamento de sinal ou bioética, ata o mércores pola tarde celébrase ponencias, mesas redondas e obradoiros nos que se abordarán cuestións como a tecnoloxía ao servizo da neurocirurxía, a IA, os avances en electro fisioloxía cardíaca, a supercomputación en saúde ou as oportunidades despois de finalizar os estudos.
“Este é un punto de encontro idóneo para conectar universidade, hospital e industria”, explica Irina Collazo, que considera que ao alumnado lle permite descubrir a aplicación práctica dos seus estudos, coñecer saídas profesionais reais e interactuar con tecnoloxía de vangarda motivándoos ao comprobar o impacto directo que o seus traballo terá na saúde e na calidade de vida dos pacientes. “No caso do persoa investigador e das empresas se lles ofrece unha contorna ideal de captación de talento novo cualificado e visibilidade dos seus proxectos nun ecosistema en pleno crecemento”, detalla a co-organizadora das xornadas.
A enxeñaría biomédica, un exemplo de converxencia
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa da UVigo, Xabier Martínez Rolán; o director da EEI e co-organizador das xornadas, José Fariña; a cuarta tenente de alcalde do Concello de Vigo, Ana Mejías; e a coorganizadora das xornadas, Irina Collazo, foron os encargados de inaugurar este mediodía as xornadas. O vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa da UVigo asegurou que “estas xornadas representan exactamente o tipo de encontro que dende a Universidade de Vigo queremos seguir impulsando: un espazo onde a formación académica se conecta coa realidade do sector, onde estudantes, empresas, investigadores e profesionais sanitarios comparten un mesmo escenario para aprender uns dos outros. A enxeñaría biomédica é, quizais como ningunha outra disciplina, un exemplo perfecto de converxencia: tecnoloxía, saúde, intelixencia artificial e innovación traballando xuntas para mellorar a vida das persoas”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade felicitou aos organizadores pola iniciativa e puxo en valor a enxeñaría biomédica, á que definiu como “un aliado estratéxico en calquera sistema de saúde que pense no futuro”. Gómez Caamaño tamén incidiu na aposta da Xunta de Galicia pola enxeñaría biomédica, destacando o relevo que ten no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Mentres, o director da EEI, José Fariña, agradeceu ás empresas a súa participación “nun evento organizado polo alumnado, para o alumnado”; e a tenente de alcalde, Ana Mejías, sinalou o acerto que para a EEI supuxo, no seu día, apostar por impartir o Grao en Enxeñaría Biomédica.
