DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveranse o 21 e 28 de novembro na Escola de Enxeñaría Forestal

Unhas xornadas explorarán as innovacións presentes e futuras da industria da madeira

Coa participación de diferentes profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/11/2022

Cunha facturación conxunta de preto de 2000 millóns de euros anuais, a industria forestal e da madeira constitúe unha peza clave na actividade económica de Galicia. Mais, a pesar que a comunidade produce máis do 30% da madeira que exporta España no seu conxunto, trátase dun sector con posibilidades de crecemento no ámbito das “segundas transformacións, que é onde podería xerarse un maior valor engadido”, sinala o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing Pedro Figueroa. Pór en valor a importancia da innovación para esta industria constitúe o propósito central das xornadas Innovación na cadea forestal-madeira de Galicia, que se desenvolverán os días 21 e 28 de novembro na Escola de Enxeñaría Forestal. Coa participación de diferentes profesionais, trátase dun ciclo aberto ao público que busca afondar na “situación actual” do sector, pondo o foco “tanto nas innovacións que xa se realizaron como nas futuras, nas novas aplicacións da madeira en diferentes sectores”, salienta Figueroa.

“As actividades que compoñen a cadea forestal-madeira de Galicia representan un relevante peso económico, social e cultural, cunha presenza espallada pola totalidade do territorio. O seu importante desenvolvemento a través do tempo é un relato de innovación permanente aplicada aos recursos, os produtos e os procesos”, recolle o programa dunha actividade que poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual. Organizadas por Figueroa, coordinador do grupo de investigación G4Plus, a profesora Adela García-Pintos, do grupo Rede, e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, coa colaboración da EE Forestal, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades, as xornadas buscan á súa vez completar a formación do alumnado da materia Fundamentos de economía da empresa

Investigación, innovación e industria

O ciclo arranca o vindeiro luns cunha conferencia do director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, que abordará a situación actual e as tendencias de futuro no labor de apoio á innovación que se leva a cabo desde os centros de investigación. Nesa mesma xornada, o experto en tecnoloxía de transformación da madeira Jaime Bermúdez  porá o foco na industria do taboleiro. “Vainos dar unha perspectiva da historia dun sector que foi moi importante na industrialización da cadea, pero tamén dos novos usos do taboleiro”, sinala Figueroa da conferencia do que foi director de Finsa e do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), así como presidente do consello de Sogama e impulsor do Clúster da Madeira e o Deseño.

O actual xerente deste clúster, Ricardo González, será o responsable da conferencia que abrirá a segunda sesión destas xornadas, o luns 28. Xerente desde 2011 dunha organización que agrupa ao conxunto da cadea, González afondará nos retos nas “áreas de innovación, construción, internacionalización, deseño, prescrición, comunicación e formación” ás que se enfrontan as empresas, así como a “aposta pola innovación” do clúster. A actividade completarase coa participación do técnico de I+D+i da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), asignado ao CIS-Madeira, Gonzalo Piñeiro, que afondará na súa experiencia en proxectos de I+D+i nun relatorio titulado A innovación na industria da madeira: situación actual e tendencias.

Programa das xornadas