DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias celebra o 30 de novembro unha actividade con este obxectivo

Unhas xornadas para fomentar o uso responsable dos antibióticos

Co gallo da conmemoración da semana mundial sobre esta problemática

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 28/11/2017

Baixo o auspicio da Organización Mundial da Saúde, vén de celebrarse a Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos. No marco desta celebración, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebra o día 30 de novembro unha xornada de difusión desta problemática na que dous expertos en resistencias aos antibióticos explicarán ás persoas interesadas as consecuencias que ten, tanto para a saúde individual como para a colectiva, un consumo non responsable destas substancias.

Na súa campaña, a Organización Mundial da Saúde, lembran desde a organización da cita, fixo fincapé en concienciar aos cidadáns sobre a importancia de pedir asesoramento a un profesional sanitario cualificado antes de tomar antibióticos xa que o seu uso incorrecto supón un risco para todos. Deste xeito, recálcase na campaña internacional, “ao tomar antibióticos que non precisamos estamos acelerando a aparición de resistencia a eles. As infeccións por patóxenos resistentes aos antibióticos son máis complexas e difíciles de tratar e poden afectar a calquera persoa de calquera idade en calquera país”.

Tendo en conta esta crecente problemática a Facultade de Ciencias organiza esta actividade, que leva por título Xornadas de concienciación sobre o uso dos antibióticos e está organizada polas docentes do centro Elena Martínez e Mª José Pérez. “Estas charlas están abertas a toda a sociedade, dado que o tema incúmbenos a todos e todas e nas nosas mans está contribuír a que non siga aumentando o problema. Agardamos que sexan unha achega máis á concienciación sobre esta problemática tan perentoria”, sinalan desde a organización.

Dúas conferencias de expertos

A programación arrancará cunha conferencia do doutor Gaspar Pérez, xefe do Laboratorio de Bacterias Lácticas e Probióticos do IATA-CSIC e anterior Coordinador da Rede Española de Bacterias Lácticas. Durante a súa intervención falará sobre as bases biolóxicas da resistencia aos antibibóticos, do estado a nivel mundial desta problemática e da importancia de realizar un uso racional dos antibióticos para que non siga aumentando o número de bacterias multirresistentes fronte ás que os tratamentos actuais resultan ineficaces.

As xornadas tamén contarán coa participación do doutor Víctor Jiménez, profesor titular da Universidade Complutense de Madrid e coordinador da rede Small Worl Iniciative en España, SWI@Spain. El falará sobre a concienciación social sobre a resistencia a antibióticos mediante aprendizaxe activa. Concretamente, presentará o programa de ciencia cidadá Small Worl Iniciative, que naceu na Universidade de Yale e na que se implica a estudantes no descubrimento de novos antibióticos. En 2016 a Universidade Complutense de Madrid uniuse a esta iniciativa cun proxecto educativo de aprendizaxe-servizo no que se involucran profesores e investigadores de Microbioloxía pertencentes ao Grupo Especializado de Docencia e Difusión da Sociedade Española de Microbioloxía e estudantes universitarios, levando o programa aos centros educativos interesados. En xullo de 2017 creouse a rede Swi@spain na que participan neste momento microbiólogos de 20 universidades españolas, entre elas a Universidade de Vigo.