DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais

Unhas xornadas formativas permitirán aos traballadores actualizar coñecementos

Terán lugar o 13 de marzo no Edificio Xurídico Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 06/03/2008

Nun momento no que se están a dar constantes cambios na estrutura productiva cómpre proporcionarlle aos traballadores e ás empresas a formación permanente necesaria para adaptarse ao novo marco económico, actualizar os seus coñecementos e mellorar a súa situación. Con este obxectivo nacen as Xornadas sobre Formación Continua organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais e coa colaboración do grupo La Región e as Facultades de Empresariais e Turismo e Dereito.
Ao longo das xornadas, que terán lugar o día 13 de marzo no salón de graos do Edificio Xurídico Empresarial, abordarase a perspectiva internacional, nacional e autonómica da formación continua dende o punto de vista educativo pero tamén contando coa opinión dos empresarios e os sindicatos. A finalidade é, segundo Alberto Vaquero, un dos organizadores, “explicar cales son as principais actuacións neste eido, xa que a formación pasou de ser algo puntual dunha etapa da vida a converterse en algo imprescindible en todo momento para evitar a perda de capital humano e lograr unha rápida adaptación aos cambios económicos” explicou. En canto ao público ao que están dirixidas as xornadas apuntou que “a todas aquelas persoas interesadas en coñecer estas actuacións de formación orientada aos traballadores”.

Inscrición vía email

As xornadas, totalmente gratuítas, poderán ser convalidadas por créditos de libre elección para os alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e, ademais, o Consello Galego de Relacións Laborais expedirá aos participantes un certificado de asistencia. Os interesados deberán inscribirse vía email canto antes, xa que as prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de solicitude ata completar o aforo. A data límite é o 12 de marzo ea s direccións son as seguintes: marisa.pena.cebreiro@xunta.es e vaquero@uvigo.es.