DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once estudantes de doutoramento presentan os seus traballos en CCSS e da Comunicación

Unhas xornadas poñen en común as liñas de traballo dos investigadores e investigadoras en comunicación

Presentan estudos vinculados ás liñas temáticas das súas teses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/07/2021

O papel que poden xogar as redes sociais na eclosión de novos movementos culturais, a difusión de noticias falsas relacionadas coa covid-19, a xeración de obras audiovisuais accesibles para persoas con cegueira ou xordeira... As múltiples liñas de investigación nas que traballan os alumnos e alumnas do Programa de Doutoramento en Comunicación da Universidade de Vigo son o eixo central das VII Xornadas de Doutorandos que se desenvolven este martes e este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Dirixida tanto a enfrontar aos alumnos e alumnas do programa á defensa dun traballo científico como a que poidan intercambiar coñecementos e experiencias, once alumnos presentan nesta actividade as súas comunicacións, inseridas nas liñas de investigación que centran as súas teses. 

A catedrática Aurora García, coordinadora dun doutoramento do que forman parte profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Facultade de Filoloxía e Tradución, e a responsable destas xornadas, Pilar García, inauguraron este martes un encontro científico que forma parte das actividades formativas do programa. Estas xornadas, explicou García Soidán, buscan que as e os participantes “afronten o reto de presentar un traballo científico”, á vez que servir como “un espazo de encontro”, así como amosar “a enorme variedade temática que existe no ámbito da comunicación”. 

Ademais da presentación das diferentes comunicacións, que se reunirán nunha publicación, estas xornadas acolleron un coloquio virtual co director da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo, Antonio Pino, e a directora da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia García, dirixida tanto a afondar nas diferentes fases do proceso de desenvolvemento dunha tese, como dos requisitos e opcións para levar a cabo unha tese con mención internacional, “que é algo que lles abre moitísimas portas”, recalcou García Soidán. Así mesmo, o encontro contará mañá cunha conferencia da profesora da Universidade da Coruña e egresada desde programa Verónica Crespo, que terá como eixo a súa liña de investigación centrada na aplicación do neuromárketing a estudos de mercado. 

Un traballo “moi solitario”

Como “unha experiencia moi enriquecedora” definía estas xornadas a doutoranda Yolanda Pardo, quen puña o acento en que “facer unha tese de doutoramento é algo moi solitario ás veces, polo que ver que están facendo os demais e como están facendo é algo bo para todos”. Responsable da primeira comunicación das xornadas, Pardo Suárez centrou o seu traballo na situación da tradución e a localización en España, poñendo o foco na dos xestores e xestoras deste tipo de proxectos e na súa formación. Máis aló da tradución dun “documento tradicional”, o concepto de localización engloba os diferentes procesos que implican as adaptacións de software, videoxogos e outra serie de produtos multimedia, un campo que está a xerar unha crecente demanda de “xestores de proxectos de tradución e localización”, un ámbito para o que, sinalou, “existe moi pouca formación, xa que é algo moi recente e que está cambiando moi rápido”.

Tamén a formación, neste caso dos cineastas e realizadores audiovisuais en materia de accesibilidade, constituíu un dos eixos da comunicación de Florencia Fascioli, quen centra a súa investigación “na adaptación e xeración de obras audiovisuais para públicos diversos, como persoas con discapacidade sensorial”. Natural de Uruguai, onde se formou en Comunicación Audiovisual e cun mestrado en Tradución Audiovisual pola Autónoma de Barcelona, Fascioli Álvarez centra a súa tese, que dirixe o investigador de Filoloxía e Tradución Pablo Romero, nas “prácticas colaborativas” entre os profesionais do cine e da accesibilidade. Concretamente, a súa investigación pon o foco nas “liñas innovadoras” que se están a explorar no seu país de orixe nun eido que, salienta, “abre moitas posibilidades a persoas que historicamente non tiveron acceso aos medios audiovisuais con liberdade e autonomía”. 

Esta primeira xornada serviu tamén para coñecer o traballo que Clara Sánchez centra nas mulleres responsables de comunicación institucional de diferentes administracións públicas, o estudo deSergio Frade sobre o financiamento de producións audiovisuais e a investigación de Joao Pedro Correia sobre o papel xogado polas redes sociais na eclosión do xénero musical vaporwave. O encontro continúa mañá mércores con outras seis comunicacións, a cargo de Juan Carlos Regueira, José Paulo Matos, Miguel Joao Ferreira, Dália María Ferreira, Cristina Alexandra Ramos e Sonia Mónica da Cruz. Os cambios que a covid-19 xerou en ámbitos como a comunicación científica, a análise dunha campaña da Liga Portuguesa Contra o Cancro ou unha investigación dirixida a poder desenvolver un documental sobre o escritor Avelino Díaz forman parte dos contidos da segunda xornada deste encontro académico.