DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, desenvolvéronse na Vicerreitoría

Unhas xornadas poñen o foco na necesidade de combater a violencia machista nas contornas dixitais

Abríronse cun relatorio sobre o “troleo” de xénero nas redes sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/11/2021

Pese aos avances acadados, a loita contra a violencia machista enfronta “novos retos”, como “novas formas de infrinxir violencia, ás veces máis sutís, como a violencia psicolóxica a través das novas tecnoloxías”. Esta foi unha das mensaxes que ese mércores puxo sobre a mesa a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, na III Xornada de Sensibilización e Prevención da Violencia Sexual na Mocidade, que a administración autonómica promove nestes días nos sete campus galegos, coa colaboración das unidades de igualdade das tres universidades. Tras desenvolverse a pasada semana no campus de Ourense, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolleu unha xornada que o vindeiro mércores se traslada ao campus vigués e que ten como obxectivo “crear espírito crítico” entre a mocidade.

Enmarcado na campaña Agresións OFF, este foro foi inaugurado pola secretaria xeral de Igualdade, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez. “Estas xornadas son fundamentais para contrarrestar os discursos desta pornocultura que o está impregnando todo”, subliñou Gómez, que alertou da existencia nas redes sociais dun “discurso negacionista, misóxino e que non refire ningún tipo de censura” por parte das plataformas. De aí que puxese de relevo a necesidade de iniciativas formativas que, “da man da expertos e expertas”, contribúan a reflexión da mocidade respecto dunha problemática afectada moitas veces pola “normalización” de situacións que, lembrou Gómez, constitúen “un problema social”. Nesa mesma liña, o vicerreitor do campus puxo de relevo a importancia de “tratar os temas coa suficiente profundidade e seriedade para poder acadar unha sociedade mellor, máis igualitaria”, incidindo na necesidade de proxectar “a violencia sexual como unha forma de violencia de xénero, tal e como aparece recoñecida na lei galega”.

Violencia nas contornas dixitais

“Algo que nos preocupa especialmente é que a violencia sexual na mocidade estase incrementando nos últimos anos”, sinalou López Abella, Partindo dos datos dunha macroenquisa da Delegación do Goberno para Violencia de Xénero, a secretaria xeral puxo o foco en como, a pesares de que o 95% da cidadanía “considera inaceptables todos os comportamentos de violencia sexual ligados ás novas tecnoloxías, que evidentemente se producen”, as novas xeracións “estanse formando en educación sexual a través das redes e da pornografía”. De aí que López Abella destacase na súa intervención a importancia da sensibilización e concienciación, ao tempo que puña o acento na importancia do acordo parlamentario acadado para a modificación da lei galega contra a violencia machista, “para acoller a violencia dixital”.
 
O uso das redes sociais ou das plataformas de mensaxería para exercer diferentes tipos de violencias foi de feito o eixo da conferencia que abriu a xornada, a cargo da investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro. Nun relatorio titulado Troleo de xénero e outras violencias machistas online, a tamén directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC afondou nas diferentes formas que as violencias sexuais adoptan nunha contorna dixital, como o sexting, o grooming ou a sextorsion, para logo pór o foco en como a rede é tamén un espazo para o “discurso do odio”, no que “o que se chama a machoesfera organízase para exercer violencia contra grupos de mulleres ou mesmo contra persoas concretas”. Nese senso, Águeda Gómez lembrou a investigación que, xunto ao investigador da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, Piñeiro desenvolveu sobre o discurso do odio en Twitter ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0, que a UVigo promove xunto coa Deputación de Pontevedra. “A rede vai reproducir as desigualdades e ou mesmo amplificalas”, sinalou a conferenciante, que puxo o acento en casos como o de La Manada e en como en espazos como Forocoches chegaron mesmo a publicarse datos persoais da vítima. 

Tras a conferencia de Piñeiro o tamén profesor da UDC José Antonio Ramos impartiu un relatorio titulado Sexo, menores e a Lei, completándose a xornada cunha mesa de presentación de investigacións sobre igualdade. Nesta, Pablo Soto presentou unha análise cualitativa das formas de interacción social nas redes para a prevención das violencias sexuais na xuventude, a estudante de doutoramento da USC María Curros abordou a percepción da violencia de xénero en adolescentes e a tamén investigadora da universidade compostelá Naila Nieves de Jesús falou das “marcas do machismo e do patriarcado”.