Organizadas na Facultade de Ciencias polo grupo EQ-2
Unhas xornadas poñen en valor exemplos de revalorización de materias primas e aproveitamento de biomasa
Coa participación de persoal investigador de cinco institucións de España, Brasil e Rusia
O grupo EQ-2 da Universidade de Vigo celebrou este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost'25). Esta cita, de carácter anual desde o ano 2019, ten como obxectivo abordar a investigación que se está a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido. Nesta ocasión participou persoal investigador das universidades de Sevilla, Jaén, Federal do Pará e San Petersburgo e do Iata-CSIC de Valencia.
A programación arrancou cunha conferencia de Vanesa Sanz (do Instituto de Agroquímica y Tecnología de Alimentos do CSIC en Valencia) na que falou sobre a revalorización mediante procesos de extracción verde de fontes mariñas para a produción de biomateriais con múltiples aplicacións. Seguiulle unha intervención de Fernanda Wariss (da Universidade do Pará, Brasil) na que expuxo o potencial do xeopropolis procedente de abellas indíxenas da Amazonía para a extracción de compostos bioactivos con alto potencial biolóxico.
Nesta liña de revalorización e dentro dun concepto de economía circular, Anna Kuznetsova, da Universidade ITMO de San Petersburgo (Rusia), abordou a revalorización de aceites usados de cociña para a produción de polihidroxialcanoatos. A seguinte intervención foi do catedrático Eulogio Castro, da Universidad de Jaén, e nela fixo unha clase maxistral sobre biorrefinerías baseadas no oliveiral como “unha opción ineludible”. A Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible pechouse cun relatorio do profesor Bernabé Alonso, da Universidad de Sevilla, sobre análise de ciclo de vida aplicado a biorrefinerías.
Cita anual do grupo EQ-2
BioDeSost constitúe a cita anual de referencia para o grupo EQ-2, Grupo de Investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo fundado por Juan Carlos Parajó e coordinado na actualidade por Herminia Domíguez que conta con case unha vintena de investigadores e investigadoras e está recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia. Nesta xuntanza, coordinada pola investigadora María Dolores Torres, preténdese dar unha visión xeral das liñas de investigación desenvolvidas neste grupo focalizadas no uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido en diferentes ámbitos de aplicación, así coma a doutras e doutros especialistas cos que colaboran.