DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita arrancou este xoves e prolongarase ata o sábado

Unhas xornadas poñen en valor a investigación arqueolóxica realizada na comarca de Monterrei

Ao abeiro da programación de cursos de extensión universitaria do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/09/2021

O Hospital da Trindade do Castelo de Monterrei acolleu este xoves o arranque das Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia na Comarca de Monterrei. Nelas porase en valor a investigación arqueolóxica e histórica realizada nesta zona. A cita, dirixida por Martiño Xosé Vázquez, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, forma parte da programación de extensión universitaria do campus de Ourense e conta coa colaboración do Concello de Monterrei e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín-Monterrei.

Na inauguración da xornada estivo Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, acompañada por José Luis Suárez, alcalde do Concello de Monterrei; Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, e Luciano Cuquejo, alcalde do Concello de Cualedro e en representación da Mancomunidade de Concellos de Monterrei. Na súa intervención, a decana amosou a súa satisfacción “por ver, por fin, como unha realidade esta aposta de pór en común as importantes investigacións que se veñen realizado desde a Facultade de Historia nesta interesante comarca. É importante que os resultados destes esforzos saian á luz e se compartan cun público diverso”. As investigacións realizadas, apuntou Reboreda, son “froito dunha relación moi frutífera e plenamente asentada” cos concellos da comarca de Monterrei e a súa mancomunidade, destacando “a importancia dos lazos con esta contorna que se iniciaron a través de convenios marcos e específicos como unha importante vía de interacción coa Universidade, en xeral, e coa Facultade de Historia, en particular”.

Tres días de actividade

Na última década, explican desde a organización das xornadas, investigadores independentes e grupos vinculados a universidades e centros de investigación, veñen realizando diferentes proxectos de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da comarca de Monterrei. Co lanzamento destas xornadas, detallan, preténdese dar un novo paso e xerar un espazo de diálogo entre estudantes e investigadores e mesmo para "a propia comunidade local da comarca ou amantes da historia en xeral que queiran coñecer e viaxar ao pasado coa voz de cada un dos especialistas que nestas xornadas participan”.

A programación arrancou este xoves coa entrega dunha mención de honra por unha traxectoria investigadora ao profesor doutor Antonio Rodríguez Colmenero, que tras recibir a distinción ofreceu unha conferencia inaugural titulada A serra do Larouco e o nacemento dos principais núcleos que definen o territorio na comarca de Monterrei. Seguiulle a presentación da obra gañadora do Premio Xesús Taboada Chivite 2019 de investigación histórica, convocado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín co apoio técnico de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. Trátase do libro de Rubén Castro Redondo De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna.

Ao longo das sesións previstas, as Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia na Comarca de Monterrei abordarán diferentes momentos históricos, abranguendo a época moderna, a medieval, a prehistoria e a historia antiga, contando en cada caso coa intervención de especialistas na materia, entre eles unha ampla representación de investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Nas intervencións falarase dos principais enclaves da comarca, como os castros da Saceda, San Millao e San Salvador das Rozas, o conxunto arqueolóxico de Lobarzán, a ruta de lagares rupestres de Oímbra e a Cerca ou Muro do Bubal, e de diferentes aspectos históricos, como a "repoboación" do Val do Támega na Alta Idade Media; as rendas do condado de Monterrei ou a romanización desta comarca. A programación completarase con visitas guiadas a estes enclaves.