DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar nas tardes deste luns 24 e martes 25 de maio

As Xornadas de Portas Abertas volven ser virtuais

As sesións serán gravadas e estarán a disposición de estudantes e institutos cando as precisen

Etiquetas
  • Medios
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
M. Del Río DUVI 20/05/2021

Entre o 8 e o 10 de xuño o estudantado de secundaria pasará por unha das probas máis relevantes da súa vida académica, a ABAU. Dos resultados dependerá o seu futuro académico na universidade e, dependendo das notas, deberán elixir que grao estudar e onde facelo. Para axudarlles a tomar estas decisións a Universidade de Vigo organiza as Xornadas de Portas Abertas, unha iniciativa que este curso, como sucedeu no anterior, terá lugar en formato virtual. Así, en lugar de acoller ao alumnado dos institutos nos centros, aulas e laboratorios dos tres campus, a proposta da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria é empregar o Campus Remoto da UVigo para que os futuros universitarios e universitarias poidan coñecer o que lle ofrece a oferta académica dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

A cita será os vindeiros luns e martes, 24 e 25 de maio, en horario de tarde. A finalidade é que os estudantes participantes poidan resolver as dúbidas concretas sobre os graos impartidos na Universidade de Vigo da man do propio profesorado das diferentes titulacións de todos os campus, que responderán as cuestións propostas polo alumnado pre-universitario para definir o seu futuro académico. 

Como explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, tras a primeira experiencia coas xornadas virtuais o curso pasado, este ano “tratamos de adaptarnos aínda máis ás necesidades dos centros de secundaria para ofrecerlles unhas xornadas máis dinámicas e útiles”. Para isto, dende a Área de Captación de Alumnado apostouse por reducir o tempo das intervencións dos profesores que presentan os diferentes graos para “fomentar a participación do alumnado”. Tamén está previsto gravar todas as sesións para poder así ofrecer posteriormente este material de orientación aos institutos e que poidan empregalo en diferido cando o precisen. “A nosa intención é contribuír a que tanto o alumnado de bacharelato como os equipos de orientación coñezan ben a nosa oferta formativa”, recalca a vicerreitora.

Programa das xornadas

Ao longo destas dúas tardes (a partir das 16.00 h) as Xornadas de Portas Abertas centrarase en dar a coñecer, de forma simultánea, as titulacións divididas por ámbitos. Deste xeito, cada día habilitaranse dúas salas do Pazo de Congresos do Campus Remoto, cunha capacidade de 150 persoas, para presentar en cada unha delas os graos dun eido do coñecemento.

Na xornada do luns haberá unha sesión centrada no ámbito de Ciencias Sociais e Xurídicas, na que os estudantes poderán coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito; Ciencias Xurídicas e do Traballo; Ciencias da Educación e Traballo Social; Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación.

No mesmo horario, a partir das 16.00 h, tamén estará dispoñible unha sala para que os docentes de Ciencias e Ciencias da Saúde dean a coñecer as titulacións das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar, Química, Ciencias, as escolas de Enfermaría de Pontevedra e do Meixoeiro; Fisioterapia, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría de Minas e Enerxía.

Co mesmo horario, a partir das 16.00 horas, o martes habilitaranse outras dúas salas. Unha para Artes e Humanidades, na que os estudantes poderán coñecer os graos das facultades de Historia, Filoloxía e Tradución e Belas Artes. A segunda sala será para as titulacións de Enxeñaría, en concreto para as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría de Minas e Enerxía, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría Industrial.

Coa vista posta en ir recuperando a normalidade no vindeiro curso

Aínda que estas Xornadas de Portas Abertas se van celebrar en modalidade non presencial, a Vicerreitoría de Captación non deixou de lado as actividades de orientación presenciais. Así, ao longo do curso a UVigo participou, por exemplo, en feiras de orientación presenciais, algunhas delas con “grande afluencia de estudantes de bacharelato, como Unitour”, destaca Caparrini. Tamén se mantiveron as charlas de orientación para os institutos, que tiveron lugar tanto virtual como presencialmente nos propios centros. “En definitiva, difundimos a nosa oferta formativa e as fortalezas da nosa institución por todas as vías posibles, aproveitando todas as modalidades ao noso alcance” de cara a captar estudantes para o próximo curso.

Precisamente, sobre as previsións para o ano académico 2021-2022 a vicerreitora considera que aínda que a pandemia segue a estar presente na mente de todos, semella que comeza a haber un cambio de actitude cara unha visión máis positiva do que pode ser o curso. Explica que as actividades de orientación que se organizan para os estudantes de bacharelato permiten coñecer a súa situación anímica e as súas expectativas respecto da etapa universitaria. Neste sentido, Caparrini recoñece que se percibe “algo menos de ilusión” e certos temores, por exemplo, respecto das estadías no estranxeiro pero, aínda así, “apréciase un cambio fronte a 2020, creemos que os avances sanitarios e a recuperación de certa normalidade impulsarán novamente o espírito de superación destas xeracións afectadas pola pandemia”, conclúe.