DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola Área de Emprego e Emprendemento, xunto con Dirección e Xestión Pública

Unhas xornadas proxectan as administracións publicas como destino para o talento que se forma na UVigo

Coa participación de representantes de diferentes organismos estatais e europeos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/11/2024

Representantes de diferentes organismos da Administración Xeral do Estado e da Unión Europea participan desde este venres nas Xornadas de Captación de Talento na Función Pública, que a Área de Emprego e Emprendemento da UVigo promove xunto coa Facultade de Dirección e Xestión Pública. Con máis de cen inscritos e inscritas, esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a oferta que as administracións e institucións públicas poñen a disposicións da cidadanía para facilitar o acceso ao emprego público, a través dunha serie de conferencias de profesionais que desenvolven o seu labor na Representación Permanente de España ante a Unión Europea (Reper), na Dirección Xeral de Función Pública do Goberno central ou na Comisión Europea. 

Aberto a todo o alumnado da UVigo, trátase dun ciclo de conferencias que se desenvolverá de xeito virtual ao longo do mes de novembro, a través de Campus Remoto, e que este venres botou a andar na Facultade de Dirección e Xestión Pública cunha sesión que combinaba o seguimento presencial e virtual. Inseridas na programación coa que este centro conmemora o 25 aniversario da posta en marcha dos estudos de xestión pública na UVigo, o obxectivo destas xornadas é que o alumnado universitario coñeza como son os procesos de acceso ao emprego público e as diferentes posibilidades laborais que supoñen as administracións públicas, segundo explicou o decano, Enrique Varela. Non en van, lembrou, trátase dunha actividade “na que as institucións veñen á Universidade a buscar talento” e a amosar que “son un moi boa opción para estudantes de moi diversos ámbitos”, máis aló das titulacións máis directamente relacionadas coa administración pública.

Catro sesións 

Con ese obxectivo, a programación arrancou cunha sesión sobre as posibilidades de emprego en institucións da Unión Europea, que combinou a participación presencial de Gabriel Alonso, policy officer na Comisión Europea, co relatorio virtual de Elena Campos, xefa de servizo na Consellería de Función Pública da Reper. Ademais de para coñecer o labor de Alonso desenvolve no ámbito da dixitalización de sistemas policiais, este primeiro encontro serviu tamén para achegar o alumnado unha serie de consellos para preparar oposicións á Unión Europea que, como lembrou Varela, “seguen un ciclo aberto e teñen unha lóxica diferente da memorística, máis centrada en competencias”. 

Xa de forma virtual, as xornadas continúan o vindeiro venres cun relatorio de Miguel Ángel Varela, xefe de sección de desenvolvemento social e infraestruturas na Delegación da UE en Angola, que permitirá achegarse ás oportunidades profesionais que supoñen as embaixadas da Unión Europea no mundo. O terceiro relatorio, o venres 22, estará centrado nas oportunidades de emprego na Dirección Xeral do Catastro e correrá a cargo da súa xerente territorial en Pontevedra, Micaela Martínez. Finalmente, a actividade pecharase o 29 de novembro cunha conferencia de Sonia Postigo, asesora da Direccion Xeral para a Función Pública, quen presentará o plan de captación de talento da Administración Xeral do Estado.