DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas polo Campus Crea, contaron coa participación de 14 estudantes de posgrao

Unhas xornadas proxectan as múltiples liñas de investigación dos programas de doutoramento do campus

A través dos pósters reunidos na EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/12/2020

Outorgar ao alumnado dos diferentes programas de doutoramento do campus un espazo no que dar a coñecer as súas liñas de traballo ou os primeiros resultados dos seus estudos é o obxectivo central das Xornadas de Investigación Campus Crea, que este xoves celebran na Escola de Enxeñaría Forestal a súa segunda edición. Neste centro exhíbense nesta xornada os pósters nos que 14 alumnos e alumnas de doutoramento resumen as súas liñas de investigación, que ao longo da tarde foron presentando ao resto de participantes. “É unha forma de que poidan coñecer o que están facendo outros alumnos e de que poida haber unha interacción da que poidan xurdir novas ideas ou colaboracións”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto.

"Un dos labores importantes dos que facemos investigación é a divulgación, dala a coñecer", salientou Souto na apertura desta actividade, que buscaba que as e os estudantes de doutoramento tivesen un "primeiro contacto coa divulgación do seu traballo". Para iso, esta iniciativa promovida polo Campus Crea buscou en primeiro termo que as e os participantes presentasen o seu traballo "nun formato moi habitual nos congresos e que esixe ser capaces de sintetizar", como é a preparación dun póster, posteriormente completada, explicou Souto, cunha "breve exposición pública dos seus traballos".

Posta en común e posibles sinerxías

Alumno do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable Bruno González presentou nesta xornada os principais resultados da súa investigación sobre “a participación política non convencional a través de doazóns”, na que analiza o impacto das campañas de crowdfunding promovidas por axentes políticos. Profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, González Cacheda destacou que, pese a ter realizado comunicacións en congresos e publicacións, estas xornadas levárono a enfrontarse por primeira vez á realización dun póster, que "obriga a facer un importante traballo de síntese". 

Alumna tamén do doutoramento do Campus Crea, Irene Márquez presentou os resultados dun estudo inserido na a súa tese, no que contrapón os beneficios para a saúde das fibras naturais sustentables coa presenza de substancias químicas nocivas en tecidos convencionais. Como unha oportunidade para dar a coñecer múltiples liñas de traballo, que poden servir para "inspirar" ao alumnado que proxecte realizar o doutoramento, viu Márquez unhas xornadas que tamén poden contribuír, sinalou, que “xurdan colaboración entre diferentes grupos de investigación”.

Xornadas como esta, engadiu Xosé Sobral, “obrigan a explicar a natureza do teu traballo nunha linguaxe máis aberta, menos especializada”, un proceso, engade, “moi útil tamén para un mesmo”, xa que contribúe a que “comprendas dun xeito máis pleno” a propia investigación. Alumno do doutoramento en Ecosistemas Terrestres, Uso Sustentable e Implicacións Ambientais, Sobral presentou unha investigación centrada no uso dunha tecnoloxía habitualmente empregada no deseño industrial nun “novo campo de traballo, a xestión de espazos protexidos e o deseño de accións para a protección da biodiversidade”. 

Unha mostra da diversidade de ámbitos de estudo do campus

14 investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos participaron nun evento no que Souto puxo en valor que "unha das fortalezas que temos no campus é ser bastante heteroxéneos pero capaces de desenvolver proxectos multidisciplinares". Así, esta actividade permitiu coñecer a investigación sobre a sustentabilidade na industria da moda que leva a cabo Alba Irina Fernández, o estudo sobre os procesos creativos das parellas de artistas que leva a cabo Alberto Conde e a análise das posibilidades creativas da impresión 3D no ámbito escultórico, que centran a tese de Ignacio Pérez Folgado. Investigacións sobre a linguaxe da arte, sobre as transformacións que o mundo dixital está a xerar na linguaxe audiovisual ou sobre como a mediación e a cibermentoría poden mellorar a convivencia nos centros educativos, no póster de Ignacio Nicolás Fernández, foron outras das temáticas abordadas neste encontro, no que Antonio José Ortega presentou a súa investigación sobre iniciativas de innovación social relacionadas coa participación cidadá de Antonio José Ortega. Tamén participaron no encontro os investigadores do grupo Remoss Alejandra Alonso e Miguel Lorenzo, que presentaron as súas investigacións sobre a influencia das substitucións no comportamento táctico dos equipos de fútbol e sobre os efectos do foam roller no fluxo sanguíneo dos futbolistas, respectivamente. Aínda que non puideron participar no evento, dous pósters deron conta dos estudos que os investigadores iranís Farzad Rezavandzayeri e Amir Khortabi levaron a cabo no marco da estadía que realizaron no campus co grupo HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.