Coa asistencia de arredor de 150 persoas
Unhas xornadas reivindican a visibilización das mulleres maiores que sofren violencia de xénero
Nela expuxéronse diferentes investigacións arredor desta problemática
Arredor de 150 persoas participaron este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense na II Xornada Interuniversitaria, que nesta ocasión puxo o foco nas mulleres maiores que sofren violencia de xénero. Contrarrestando a “invisibilización e esquecemento” deste colectivo, presentáronse diferentes investigación nas que se dá conta desta problemática desde diferentes disciplinas e perspectivas.
Os obxectivos da iniciativa foron achegar ao alumnado da Universidade de Vigo, e en especial ao da área das ciencias sociais, a realidade das mulleres maiores que sofren violencia de xénero, considerando que este achegamento lle será de utilidade para a súa práctica profesional futura. Igualmente quixo abordar o impacto de dita violencia sobre a saúde bio-psico-social das afectadas e sensibilizar á comunidade universitaria, profesionais e sociedade en xeral sobre a problemática abordada. A xornada foi inaugurada por Isabel Mociño, decana da citada facultade; Diebe Fernández, en representación da Unidade de Igualdade, que apoiou a actividade; Yolanda García e Raquel Vázquez, profesoras que coordinaron a iniciativa, e Tamara Silva, concelleira de Política Social de Ourense. Nas súas intervencións destacaron a “necesaria e urxente” abordaxe desta problemática tendo en conta a súa incidencia en comunidades como a galega.
Coñecer para poder actuar
A programación arrancou cunha intervención de Carlos Ferrás, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago. Nela expuxo os primeiros resultados dun traballo que están a realizar membros da súa universidade e da de Vigo centrado na elaboración dun mapa de localización das mulleres maiores de 65 anos que sofren ou teñen sufrido violencia de xénero en España. Con financiamento do Plan Nacional de I+D e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están a identificar as grandes áreas de actuación neste eido, diferenciando aqueles municipios onde existe maior risco de violencia de xénero sobre mulleres maiores, e facendo unha caracterización, análise sociodemográfica e ambiental destas zonas.
O investigador explicou que nos traballos realizados ata o momento teñen detectado que hai unha correlación directa “de maior incidencia deste tipo de violencia en municipios de baixa densidade de poboación, baixa renda e ámbito rural, onde as comunicacións son difíciles e os servizos sociais escasos”. As taxas nestes concellos, apuntou, “son moitos máis altas”. En relación con isto, no contexto Español, engadiu, “o cuadrante noroeste é onde se localiza unha maior presencia das taxas máis elevadas de violencia contra as mulleres maiores”, asociada “ao envellecemento, a dispersión da poboación e a baixa densidade demográfica” desta zona. O relator subliñou a importancia de facer visible o mapa desta violencia “para poder actuar onde se está producindo” e salientou a necesidade de que se “planifique territorialmente a prestación de servizos sociais e saúde”.
Tras esta intervención seguiulle a exposición de diversas investigacións: sobre a violencia de xénero en mulleres maiores en Madrid; a detección e análise destas situacións en Úbeda e as súas pedanías; a análise da atención que recibe este colectivo nos servizos sociais e a violencia contra as mulleres maiores de 65 anos en Euskadi. Xa pola tarde haberá un debate arredor dos protocolos contra o maltrato destas persoas, expóndose diferentes visións dende o sector público e privado e contando coa participación de representantes de Clece Noroeste, Concello de Ourense, Fundación Luz Casanova, Colexio de Traballo Social de Galicia, universidades de Jaén e Vigo e Fundación Solidaridad Amaranta. A xornada rematará abordando a dinamización da investigación sobre esta problemática, contando con membros das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Pontificia de Comillas e Jaén.