DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celébrase este luns e martes

As xornadas virtuais Historia Contemporánea e do Tempo Presente contan con arredor de 340 persoas inscritas

A temática elixida para esta edición é elites, cidadanía e poder local na transición á democracia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 10/03/2025

Este luns e martes celébrase de xeito virtual unha nova edición das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que nesta ocasión levan por título e temática Elites, cidadanía e poder local na transición á democracia. A cifra de persoas inscritas ascende a 340, 169 alumnado da Universidade de Vigo e o resto de diversos puntos da xeografía estatal e foránea, abranguendo países como Arxentina, México, Rusia e Reino Unido.

As xornadas están organizadas pola Facultade de Historia do campus de Ourense e pola Uned-Ourense e contan co apoio dos grupos de investigación da UVigo de Historia Contemporánea (HC1) e de Investigación e Innovación Docente en Historia (I2DH). O director da actividade é Julio Prada, decano da facultade ourensá e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo. Os obxectivos esenciais desta actividade, explican desde a súa organización, son achegar ao alumnado algúns dos principais debates historiográficos e liñas de investigación relacionados coa docencia da historia contemporánea e o mundo actual, tanto a nivel xeral como de Galicia. Nesta edición propoñen concretamente “unha aproximación a diversos aspectos relacionados coa problemática das elites a cidadanía e o poder local na transición a la democracia.

Catro conferencias e unha actividade formativa

A actividade está conformada por unha serie de conferencias, previamente gravadas, que son visionadas en Internet polo alumnado este luns e martes pero que tamén se poñen en aberto a disposición do público interesado. Concretamente, o público poderá ver as conferencias Rexionalistas de toda a vida. Estratexias de reconversión política durante a transición, de Nicolás Sesma, profesor titular de Historia Contemporánea da Universite Grenoble Alpes; e Cidadanía e cambio social na transición á democracia, de Adrián Martínez, investigador predoutoral e profesor interino da Universidade de Vigo. Ademais, Tierra Lozano, contratado predoutoral da UVigo, falará sobre as eleccións municipais do tardofranquismo; e Carlos Lozano, investigador predoutoral da UVigo e profesor de Ensino Secundario, sobre as deputacións provinciais na transición.

A programación complétase para as persoas inscritas cunha actividade de formación docente virtual, de 14 horas de duración, titulada Elites, cidadanía e poder local na transición á democracia e didáctica da historia, ofrecida polo propio Julio Prada.